A Xunta impulsa o VIII Obradoiro de Tradución Poética no que se darán cita autores internacionais

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do evento que se celebrará do 30 de setembro ao 5 de outubro
Publicado por o día 26/09/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta impulsa o VIII Obradoiro de Tradución Poética no que se darán cita autores internacionais

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na rolda de prensa de presentación do VIII Obradoiro Internacional de tradución poética Con barqueira e remador, un evento coordinado pola poeta Yolanda Castaño e que conta co apoio da Xunta de Galicia.

A iniciativa arrincará o luns 30 de setembro, Día da Tradución, e desenvolverase ata o 5 de outubro, datas nas que seis autores procedentes de diversos países realizarán un labor de tradución colectiva, presencial e recíproca aos idiomas representados, que nesta edición son o galego, o nepalí, o maltés, o árabe, o portugués e o letón. Máis polo miúdo, os participantes serán Manal Al-Sheikh (Iraq), Adrian Grima (Malta), Arvis Viguls (Letonia), Rui Cóias (Portugal) e Itisha Giri (Nepal). Galicia estará representada da man de Gonzalo Hermo, único gañador na historia do Premio Nacional de Poesía Joven cun libro orixinalmente escrito en galego.

Unha vez de volta nos países de orixe logo do traballo realizado en Galicia, cada participante dará a coñecer os resultados en revistas especializadas, magazines literarios ou publicacións colectivas, completando o círculo dun proxecto singular que contribúe á divulgación dun xénero referencial como a poesía.

A iniciativa, complétase con dous recitais poéticos en linguas orixinais e con traducións ao galego que se celebrarán o mércores 2 e xoves 3 de outubro.