A Xunta impulsa os contactos coa Comisión Europea no ciclo de encontros virtuais da Fundación Galicia Europa

A Xunta e a Comisión Europea abordan o programa de traballo da Comisión para 2021 e as súas implicacións para o Goberno galego a medio prazo

A Xunta e a Comisión Europea retomaron hoxe o ciclo de encontros virtuais Next Generation Galicia, organizado pola Fundación Galicia Europa co obxectivo de seguir achegando aos responsables da Administración autonómica todas as novidades da axenda comunitaria e de ofrecer apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, posta en marcha polo Goberno galego o pasado outubro.

O director de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, participou no encontro inaugural, moderado pola directora da oficina da Institución en Bruxelas, Ana Ramos, onde destacou a importancia deste ciclo nun momento como o actual, no que as accións que se están poñendo en marcha a nivel europeo resultan claves de cara a recuperación e a transformación económica de Galicia.

Tras a súa intervención, unha ampla representación da Xunta puido analizar coa galega Sonia Vila, xefa da Unidade do centro de asesoramento presidencial IDEA e coordinadora de políticas no gabinete da presidenta da Comisión Europea, o programa de traballo da institución para 2021 e como este pode afectar á administración autonómica a medio prazo.

Programa de traballo da Comisión Europea

O programa, adoptado pola Comisión o pasado 19 de outubro de 2020, establece as seis prioridades principais do organismo comunitario para 2021: aplicar o Pacto Verde Europeo, configurar a Década Dixital, conseguir unha economía ao servizo das persoas, facer que Europa sexa máis forte no mundo, fomentar unha Europa libre e segura, protexer e reforzar a democracia e defender os valores europeos comúns.

Ciclo de encontros virtuais Xunta-UE da FGE

Primeiro baixo o nome de “Galicia na recuperación económica da UE” e agora baixo o nome “Next Generation Galicia”, o ciclo de encontros virtuais da FGE tratou, desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, numerosos temas de relevancia para Galicia, como a transición verde, a Estratexia Industrial para Europa ou a futura política de cohesión 2021-2027. Nestes encontros participaron numerosos responsables políticos técnicos dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia e da Comisión Europea. Co cambio de nome, a FGE responde á súa designación como estrutura de apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, creada polo Goberno galego para identificar proxectos susceptibles de ser financiados polo instrumento europeo de recuperación NextGenerationUE.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM