A Xunta impulsa un novo plan de control da vendima para garantir a calidade diferenciada dos viños das denominacións de orixe galegas

José González explicou que se trata de verificar que todo se fai consonte á normativa de cada consello regulador, é dicir, de acordo cos seus respectivos pregos de condicións e regulamentos
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Agricultura e Gandería

A Xunta impulsa un novo plan de control da vendima para garantir a calidade diferenciada dos viños das denominacións de orixe galegas

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, presidiu esta mañá a presentación do novo Plan do control da vendima aos consellos reguladores do viño de Galicia.

Neste acto, que tivo lugar na sede da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) na localidade ourensá de Leiro, o conselleiro destacou que o obxectivo da iniciativa é reforzar o control do cumprimento das normas durante o proceso da colleita de uva. Trátase, segundo explicou, de verificar que todo se fai consonte á normativa de cada consello regulador, é dicir, de acordo cos seus respectivos pregos de condicións e regulamentos.

Así, José González adiantou que o plan contempla o despregue por parte da Consellería dunha vintena de técnicos que se repartirán polas distintas denominacións de orixe. Neste sentido, o titular de Medio Rural explicou que controlarán cuestións como a entrada de uva nas adegas, a súa procedencia ou que o froito sexa de viticultores e de parcelas inscritos nos rexistros dos consellos reguladores. Ademais, tamén trasladou que os técnicos vixiarán que se respecte a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades. Desta forma, engadiu o conselleiro, aplícase o máximo rigor para evitar situacións fraudulentas que se poidan producir, na procura da Galicia calidade.

Con todas estas medidas, que suporán un investimento de 180.000 euros, búscase segundo José González defender e garantir a calidade diferenciada dos viños galegos. Neste sentido, o conselleiro afirmou que neste eido “a nosa comunidade aposta por ser competitiva en calidade e en darlle valor engadido aos nosos produtos”, remarcou.

Ademais, o titular de Medio Rural sinalou que o plan desenvolverase en coordinación cos técnicos dos órganos de control dos consellos reguladores, de forma complementaria e como reforzo ao seu labor.

Estratexia de dinamización

Ademais, o conselleiro salientou que este labor e a aposta pola calidade enmárcanse nas principais liñas de traballo da Consellería a prol do sector do viño. Así, referiuse de maneira especial á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que –dixo– ten na calidade un dos seus sinais de identidade fundamentais.

Lembrou, neste sentido, que se trata dunha iniciativa conxunta entre a Xunta (a través das consellerías de Economía, Emprego e Industria, de Cultura e Turismo e a de Medio Rural), o sector e a Fundación Juana de Vega, e que conta cun orzamento de máis de 700.000 euros para reforzar a dimensión internacional, turística e territorial do viño Galego. Indicou tamén que este apoio ao mundo do viño por parte da Xunta ponse de manifesto a través de diferentes liñas de axudas e que só no período 2019-2020 Medio Rural destina sete millóns de euros en achegas para o sector.

Por último, o conselleiro puxo en valor este sector agrario polo seu potencial, xa que aglutina máis de 13.000 viticultores, máis de 450 adegas e achega un valor económico que supera os 200 millóns de euros ao ano. Salientou ademais que é o noso eido agrario máis exportador e que por riba do 20% (1 de cada 5 botellas) dos viños das nosas denominacións de orixe saen de Galicia cara outros mercados internacionais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.