A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, informou hoxe nunha xornada celebrada en Santiago de Compostela do novo sistema de axudas que a Xunta vai pór en marcha co obxectivo de reforzar o apoio ás pemes galegas para seguir mellorando os seus resultados en Horizon2020, o Programa Marco de I+D+i da Unión Europea.
A convocatoria, cofinanciada con fondos do programa FEDER Galicia 2014-2020, publicarase proximamente, e está orientada tanto a fomentar a participación galega en H2020, como a apoiar aquelas propostas presentadas por pemes que obtiveron selo de excelencia sen ter obtido financiamento, e contribuír á internacionalización do Sistema galego de I+D+i.
O retorno acadado polas entidades galegas en H2020 medrou respecto do anterior período, o VII Programa Marco, tanto en termos relativos como absolutos. Así, Galicia pasou de captar 89,95 millóns de euros en todo o VIIPM (2007-2013) a 92,66 millóns de euros en cinco anos do H2020 (de 2014 á actualidade), sendo o obxectivo global de 120 millóns de euros ata 2020.
Por tipo de entidade, as universidades son as que obteñen o maior retorno, cun 30,29%, seguido das empresas, cun 21,73%, e os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación, cun 21,89%. Un total de 22 empresas galegas obtiveron unha axuda da convocatoria Instrumento Peme da Unión Europea, cunha axuda total recibida de 4,34 millóns de euros.
A convocatoria anunciada hoxe trátase da primeira en España que contempla todas estas liñas de apoio: unha primeira liña que apoiará a preparación de propostas de calidade tanto de pemes como de organismos públicos e privados de investigación co obxectivo de aumentar o retorno acadado polas entidades galegas no Programa Marco da UE; e unha segunda liña que permitirá apoiar propostas de pemes galegas que acadaron o selo de excelencia da Comisión Europea nas Fases 1 e 2 da convocatoria Instrumento PEME de Horizon2020 dende 2016 sen ter accedido a financiamento.
O obxectivo é optimizar a coordinación entre o Programa Marco (H2020) e o programa FEDER Galicia, de tal xeito que mellore a eficiencia e a eficacia no Sistema galego de innovación do financiamento dedicado a I+D+i. Preto de 30 propostas galegas presentadas a Instrumento Peme e que recibiron o selo de excelencia poderían acceder a esta segunda liña de apoio.
Para iso, a Xunta conta cun orzamento total de 5 millóns de euros ata 2022, 3 millóns de euros reservados para Instrumento Peme. Tamén abranguerán o apoio á participación no seguinte Programa Marco, Horizonte Europa, e ás accións do Consello Europeo de Innovación que dean continuidade ao Instrumento PEME a partir de 2020.
A concesión das axudas realizarase por orde de entrada das solicitudes, sempre que estas cumpran cos requisitos da convocatoria: ter acadado unha puntuación mínima na convocatoria de H2020 á que se presentaran. A intensidade das axudas oscilará entre o 35% e o 80% en función da liña de axudas e do tipo de entidade beneficiaria.
Na xornada tamén se deu a coñecer a perspectiva dos avaliadores das propostas de Instrumento PEME sobre os factores clave para concorrer con éxito á convocatoria a través dunha mesa redonda na que participaron Beatriz Spuch, consultora freelance, e David Seoane, da consultora Econet, ambos avaliadores de Instrumento PEME; así como a experiencia práctica de empresas galegas que xa resultaron beneficiarias dun Instrumento PEME fase 1 ou fase 2. Para expor a experiencia de empresas galegas no Instrumento PEME, contamos coa presenza de Daniel Fernández de Qubiotech, beneficiaria de Instrumento PEME fase 1, e Christian Sánchez de Nanoimmunotech, que obtivo apoio de Instrumento PEME nas fases 1 e 2. As bases das axudas xa están dispoñibles na páxina web de Gain, e a convocatoria anual publicarase proximamente.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.