A Xunta incorpora hoxe novos datos ao observatorio forestal de Galicia

En concreto, inclúense novas gráficas sobre os alleamentos de madeira nos montes de xestión privada e pública da comunidade, así como cos prezos medios de adxudicación dos lotes de piñeiro acadados nas poxas públicas
Publicado por o día 29/05/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta incorpora hoxe novos datos ao observatorio forestal de Galicia

A Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) incorporan hoxe novas gráficas ao Observatorio Forestal no que levan colaborando dende hai meses, un observatorio virtual situado na Oficina Virtual de Medio Rural que amosa en tempo real as series históricas dos datos das principais producións e aproveitamentos forestais almacenados en rexistros electrónicos administrativos.

Así, hoxe inclúense nesa web os datos desagregados por formación específica e por provincias tanto dos alleamentos de madeira nos montes de xestión privada como nos de xestión pública, é dicir, nos montes que pertencen á Comunidade Autónoma ou que presentan contratos voluntarios -a través de convenios e consorcios- para a súa xestión por parte da administración forestal.

Asemade, incorpórase unha nova gráfica onde se dan a coñecer en tempo real os prezos de adxudicación da madeira en pé das principais especies de piñeiro acadados nas poxas públicas que celebra a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, para que poidan revisalos tanto os propietarios forestais como as comunidades veciñais de montes.

Así as cousas, as novas gráficas súmanse á primeira que se presentou o mes pasado, cos aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada segundo formación específica dende o ano 2011 ata a actualidade. Estes datos amósanse en tempo real, de xeito que cando un administrado tramita unha declaración responsable ou solicitude de aproveitamento, a gráfica se actualiza automaticamente incorporando a información de dita solicitude.

O Observatorio Forestal de Galicia supón unha saída gráfica en tempo real tras o tratamento masivo da información recollida en diferentes bases de datos. Cómpre destacar que, só no caso dos alleamentos nos montes privados, se procesan 94.000 solicitudes administrativas cada ano.

A estratexia de dixitalización de datos forestais emprendida pola Consellería do Medio Rural e a Amtega continuará materializándose nas próximas semanas con novas incorporacións á web. Nesa liña, cabe sinalar que gran parte da información que se presenta de forma agregada está sendo posible grazas á corresponsabilidade que as persoas produtoras, transformadoras e prestatarias de servizos forestais en Galicia están amosando coa presentación dos datos que compoñen as súas solicitudes, comunicacións ou declaracións responsables de carácter administrativo. Un xeito de contribuír a que se faga visible a súa magnitude no contexto estatal e europeo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.