O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas da Consellería de Política Social con cargo ao 0,7 do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) que xestionan as comunidades autónomas. Cun importe total de 11,5 millóns de euros, financiaranse 332 programas impulsados por 104 entidades, agrupacións de entidades e federacións. Estas cifras supoñen un incremento do 60% no número de iniciativas financiadas e que estas axudas cheguen este ano ao dobre de entidades que en 2018.
Estes fondos teñen o obxectivo de financiar accións de carácter social en varios ámbitos: familia, infancia e dinamización demográfica; accións de inclusión social; actuacións destinadas á atención, promoción da autonomía persoal e apoio das persoas maiores ou con discapacidade e programas destinados a promover a participación da xuventude a ao fomento do voluntariado. Ademais, fináncianse proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención de maiores e de persoas con capacidades diferentes.
En total, o investimento que repartirá a Xunta entre o tecido asociativo galego ascende a 12,5 millóns de euros, pois aos 11,5 millóns de euros que xestiona a Consellería de Política Social hai que sumar arredor de 500.000 que concede a Vicepresidencia da Xunta e unha suma similar a cargo da Consellería de Sanidade.
Mellora da autonomía persoal
En canto ao tipo de iniciativas que se levan a cabo grazas a esta liña de financiamento, entre outras, pódense sinalar no ámbito de maiores e persoas con discapacidade diferentes programas da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) Entre estas accións, salientan as relacionadas coa formación psicoeducativa, obradoiros prelaborais, formación en novas tecnoloxías ou servizos de rehabilitación e apoio persoal para a mellora da autonomía das persoas usuarias.
Outro exemplo de actuación subvencionada con cargo ao 0,7% do IRPF é o programa de atención diúrna para persoas con demencia neurodexenerativa da Federación Alzhéimer Galicia. A través deste programa desenvólvense terapias non farmacolóxicas e accións de respiro familiar.
Dentro da área de Inclusión, esta liña de axudas permite financiar programas de atención e acompañamento a persoas migrantes, como os centros de acollida integral a mulleres migrantes en situación de vulnerabilidade que a Asociación Comisión Católica Española Migración (Accem) xestiona nas cidades da Coruña e Vigo. Tamén se cobren iniciativas para a atención das necesidades básicas, como os que leva a cabo a Fundación Amigos de Galicia, entre outras entidades.
Persoas sen fogar e acollemento
Outra das liñas de actuación que se benefician do 0,7% do IRPF son as dirixidas ás persoas sen fogar, como as que desenvolve Cáritas, ou o programa Housing First que desenvolve Provivienda en colaboración coa Fundación RAIS Hogar Sí. Así mesmo, aténdese a mozos e mozas en risco de exclusión, a través de propostas de apoio á prevención do abandono e absentismo escolar que realiza a Cruz Vermella.
No ámbito de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, estas axudas fan posible que se leven a cabo actuacións de apoio e atención terapéutica ás familias e aos menores en situacións de ruptura de parella como as que leva a cabo a Asociación Galega de Pais e Nais Separados (Agpns). Tamén se colabora coa Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) e os seus programas de apoio psicosocial e económico.
Outros programas que se financian con cargo ao 0,7 do IRPF son o de acollemento en familia extensa de Aldeas Infantiles, programas de conciliación como os que desenvolve Cáritas ou actuacións de prevención para menores en conflito social da Fundación Ingada.
Formación para o emprego e voluntariado
No que atinxe a accións dirixidas á xuventude, a través desta liña de axudas fináncianse, entre outros programas, un da Cruz Vermella para a prevención de condutas violentas e outro da Rede Española de Entidades polo Emprego (Rede Araña) que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas. O primeiro consiste, basicamente, na realización de obradoiros de sensibilización e información. O segundo ofrece aos participantes itinerarios personalizados de inserción laboral, accións de orientación e promoción do autoemprego, a realización de prácticas en empresas e o desenvolvemento de eventos de networking.
E entre as accións no ámbito do voluntariado que subvenciona a Consellería por medio da liña de axudas do 0,7% do IRPF, destaca o desenvolvemento dunha app para a xestión do voluntariado na entidade Acción Solidaria de Galicia (Asdegal). Outra entidade que se beneficia destas achegas é Médicos do Mundo e os seus programas de formación e sensibilización social.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.