A Xunta informa aos laboratorios galegos autorizados sobre os métodos estudados para a análise de toxinas emerxentes no proxecto europeo Alertox-Net

A sede de Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia acolleu esta semana unha xornada para coñecer as opinións dos laboratorios sobre as metodoloxías propostas e animalos a probar a súa eficacia
Publicado por o día 29/09/2019 na sección de Mar

A Xunta informa aos laboratorios galegos autorizados sobre os métodos estudados para a análise de toxinas emerxentes no proxecto europeo Alertox-Net

A sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) acolleu esta semana unha xornada na que os socios galegos que participan no proxecto europeo Alertox-Net sobre as toxinas mariñas emerxentes puxeron a disposición dos laboratorios incluídos no Rexistro Galego de Laboratorios Autorizados algúns dos métodos de análise que foron estudados polos centros de investigación e control no marco deste proxecto.

A xornada centrouse no paquete de traballo WP6 Industrial Pilot of the Toxicity Alert System e serviu para que os profesionais do grupo de investigación Farmatox da Facultade de Ciencias Veterinarias da Universidade de Santiago (USC), da empresa galega produtora de estándares certificados Cifga e de Intecmar expuxeran os métodos propostos e coñecer de primeira man as opinións dos laboratorios dada a súa experiencia na análise de toxinas. Entre os obxectivos do encontro celebrado no centro dependente da Consellería do Mar estivo tamén animar aos participantes a probar esas novas metodoloxías e facer unha análise da aplicabilidade e da eficacia acadada con esas probas.

O obxectivo principal do proxecto europeo Alertox-Net, no que participan 12 entidades de cinco países do arco atlántico -España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido- é avanzar no desenvolvemento dunha rede de alerta de toxinas mariñas emerxentes que se poida implantar na cadea alimentaria de xeito que aumente a seguridade do consumidor. Tamén busca establecer un posible indicador dos riscos relacionados co cambio climático.

O labor do Intecmar nesta investigación céntrase en aspectos como a participación no desenvolvemento de métodos analíticos para realizar o seguimento das toxinas emerxentes, o estudo da súa evolución e o intercambio de mostras co resto dos integrantes do proxecto.

O consorcio internacional do proxecto Alertox-Net está liderado polo grupo de investigación Farmatox da Facultade de Ciencias Veterinarias da Universidade de Santiago de Compostela, do Campus de Lugo. Outros centros que forman parte del, ademais do Intecmar, son a empresa galega Cifga, o Instituto Mariño de Galway, a Universidade Nacional de Irlanda, en Galway, a Universidade de Queens, de Belfast, o Cefas do Reino Unido, o Centro de Enerxía Atómica de París, o Ifremer de Nantes, o Ciimar da Universidade de Porto e a Fundación AZTI de Bilbao.

Comentar noticia

Your email address will not be published.