A Xunta informa sobre a prevención e a loita contra violencia de xénero no Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2020

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, e o presidente do Club Praia Pantín, Miguel Galeiras, asinaron o convenio para levar a cabo estas actuacións
Publicado por o día 20/08/2020 na sección de Deportes,Xunta de Galicia

A Xunta informa sobre a prevención e a loita contra violencia de xénero no Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2020

A Xunta e o Club Praia Pantín veñen de renovar a súa colaboración para a difusión no Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2020 de campañas do Goberno galego contra a violencia de xénero. A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, e o presidente do Club Praia Pantín, Miguel Galeiras, asinaron este acordo no que a Xunta inviste 30.000 euros no marco do desenvolvemento en Galicia das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Durante este campionato mundial de surf que se está a disputar estes días, a Xunta conta cun espazo específico para difundir a campaña de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero “NON á violencia de xénero” e sobre as agresións sexuais “Agresión OFF: eu digo non á violencia sexual”.

A Administración autonómica aposta por unha actuación unitaria e a máxima coordinación das institucións e do conxunto da sociedade para acadar a erradicación da violencia contra as mulleres. De feito, estas accións dan resposta a unha das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que recolle o fomento de actuacións dirixidas a sensibilizar á sociedade, en especial á mocidade, sobre as súas consecuencias e co obxectivo de que interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.

Nesta liña, a Xunta aposta polo deporte galego como aliado na loita contra a violencia de xénero mediante a difusión de campañas específicas en espazos deportivos coma este e en colaboración cos clubes galegos. Debido a que os deportistas son referentes para a mocidade, o Goberno galego considera clave a colaboración neste ámbito.

Así, no Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2020, un dos eventos de surf máis sólidos e lonxevos do mundo no que gran parte do público é xente moza, a Xunta está a informar e sensibilizar na importancia de educar en igualdade e previr condutas violentas contra as mulleres.

Comentar noticia

Your email address will not be published.