A Xunta inicia a elaboración dos Orzamentos de 2020, que van potenciar o benestar e a cohesión social e territorial

O Goberno galego volverá apostar por reforzar o apoio aos sectores estratéxicos, conforme ao modelo de crecemento económico do Plan Estratéxico 2015-2020
Publicado por o día 07/06/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta inicia a elaboración dos Orzamentos de 2020, que van potenciar o benestar e a cohesión social e territorial

A Xunta de Galicia dá hoxe comezo ao proceso de elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2020, unhas contas que van potenciar o benestar e a cohesión social e territorial de Galicia, e nos que se volverá apostar por reforzar o apoio aos sectores estratéxicos nos que se basea o modelo de crecemento económico que sustenta o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020.

En conxunto, os Orzamentos da Xunta para 2020 terán como principal obxectivo manter o actual vieiro de crecemento estable e san, que está permitindo a Galicia acadar un forte crecemento da economía –o PIB de Galicia medrou un 2,8% no ano 2018- e do emprego, ao tempo que se reforza o gasto social e se impulsa o capítulo de investimentos. Ademais, seguindo a liña de anos anteriores, as contas volverán dar prioridade á I+D+i, ás axudas a pemes e traballadores autónomos e a preparación do Xacobeo 2021.

Segundo establece a orde da Consellería de Facenda pola que se ditan instrucións para a elaboración dos Orzamentos para o ano 2020, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, o proceso de confección das contas públicas partirá da avaliación dos indicadores de produtividade dos exercicios pechados, empregando os resultados de desenvolvemento como elemento para determinar as partidas das contas para 2020.

Na elaboración destes Orzamentos concorren tres características; o feito de ser o derradeiro exercicio de vixencia do Plan Estratéxico 2015-2020, o que condicionará as asignacións nas políticas de gasto; a muda de condicións externas a Galicia, pola incerteza política e macroeconómica; e o remate do proceso de consolidación fiscal. Como novidade, os documentos orzamentarios de 2020 recollerán por primeira vez un informe en clave de infancia, seguindo as recomendacións da ONU nesta materia.

Catro comisións

A elaboración dos orzamentos para 2020 estruturarase en torno a catro comisións: a Comisión de análise e avaliación dos obxectivos dos programas de gasto, que avalía os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado; a Comisión de ingresos propios e finalistas, responsable da elaboración das previsións sobre os distintos ingresos; a Comisión de fondos europeos e FCI, que estima as certificacións previstas dos distintos fondos; e a Comisión funcional do gasto, que determina a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos