A Xunta inicia a obra de demolición da lavandería e central térmica do antigo Hospital Xeral de Lugo, na que inviste 302.000 euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos, que executa a empresa pública Tragsa, teñen un prazo de execución de tres meses e inícianse co baleirado das edificacións e o valado de seguridade do recinto

A Consellería de Sanidade inicia hoxe, coa sinatura da acta de replanteo, a obra de demolición da lavandería e da central térmica do antigo Hospital Xeral de Lugo, traballos que contan cun orzamento de 301.827 euros.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) encargou á empresa pública Tragsa a execución destes traballos que teñen un prazo de execución de tres meses e que comezarán, no día de mañá, co baleirado dos inmobles e o valado de seguridade.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que o obxectivo final é liberar un espazo que será o ocupado pola futura central de biomasa que servirá para atender as necesidades enerxéticas dos novos edificios proxectados pola Xunta no Barrio da Residencia: o centro integral de saúde, a nova residencia para persoas maiores, a aceleradora aeronáutica e a oficina de emprego e formación.

Unha vez feito o baleirado dos edificios, o plan de traballo contempla a demolición completa das estruturas, retirada de depósitos de fuel, e escavación e demolición da cimentación, isto é medidas similares ás executadas no espazo que ocupaba o vello Hospital Xeral.

As dúas edificacións a demoler datan dos anos 70 e sitúanse na esquina suroeste da parcela da antiga Residencia, na confluencia entre as rúas Serra de Outes e Orquídea. A súa eliminación favorecerá o enlace urbanístico da parcela co barrio, dado que a futura central de biomasa irá soterrada e terá o menor impacto posible na contorna.

Características dos edificios

A central térmica ocupaba un edificio de volume cúbico de dimensións en planta de 13×17 metros e unha altura libre interior de máis de sete metros. A fachada principal ábrese a un amplo espazo exterior onde hai soterrados dous grandes depósitos de fuel de 75.000 metros cúbicos.

O edificio da lavandería do antigo hospital ten dúas plantas sobre rasante, cada una de 14×32 metros. Outro pequeno volume dunha soa planta -de 5×10 metros- alberga un centro de transformación adosado ao principal polo lado norte.

Finalizada a demolición do antigo Hospital Xeral

Tamén hoxe está prevista a sinatura da acta de recepción da obras de demolición do antigo Hospital Xeral, polo que a obra se considera finalizada. O investimento realizado nestas actuación superou os 3,2 millóns de euros e supuxo actuar nunha superficie construída de 20.133 metros cadrados, incluída as edificacións auxiliares.

Os traballos previos de demolición do antigo hospital comezaron a finais do ano 2018, e a eliminación da estrutura do edificio rematou en setembro de 2019. As seguintes semanas estiveron centradas no desentullo e en obras de adaptación do terreo sobre o que se asentaba o vello Hospital Xeral.

As instalacións do antigo Hospital Xeral de Lugo, situadas no barrio da Residencia, atopábanse en desuso tras a posta en marcha do Hospital Lucus Augusti. A súa demolición fixo posible liberar os espazos nos que a Xunta ten previsto desenvolver unha residencia para maiores, con 120 prazas públicas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM