A Xunta inicia as obras de acondicionamento das novas instalacións da escola infantil das Neves

O investimento será de 300.000€ e permitirá trasladar o servizo á antiga vivenda do conserxe no entorno do colexio, que será rehabilitada de maneira integral
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de As Neves,Galicia

A Xunta inicia as obras de acondicionamento das novas instalacións da escola infantil das Neves

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe, no novo emprazamento da escola infantil da rede a Galiña Azul das Neves, a acta de comprobación do replanteo que marca o inicio das obras para a súa reforma.

O investimento total previsto é de 300.000 euros, dos que a Xunta, a través do Consorcio, desembolsará 225.000 euros (cunha achega do 80% procedente de Fondos Feder da Unión Europea); mentres que a cantidade restante, 75.000 euros, correrá a cargo do Concello das Neves. A actuación foi adxudicada á empresa Desarrolla Obras y Servicios S.L. e ten un prazo de execución máximo de 6 meses.

Perfecto Rodríguez destacou que esta intervención permitirá consolidar as 20 prazas coas que conta a escola, xa que a dotará dunhas novas instalacións que mellorarán moi notablemente as condicións nas que se presta o servizo. Desta maneira, a escola trasladarase do emprazamento actual, no edificio do centro de saúde, á antiga vivenda do conserxe no entorno do colexio, que será rehabilitada integralmente.

A nova escola terá unha superficie de 161m2 que se repartirá entre diferentes espazos como un vestíbulo con zona para deixar os carriños, unha ampla sala de usos múltiples, aulas, espazos para o aseo, cociña ou almacén.

Durante a visita, o xerente do Consorcio subliñou a importancia da colaboración entre administracións para mellorar os servizos de conciliación ás familias. Neste caso, o traballo conxunto do Goberno galego e o Concello facilitou a firma dun convenio de colaboración asinado por ambas partes en xuño do 2018 e que fixo posible o comezo destas obras.

Comentar noticia

Your email address will not be published.