A Xunta inicia as obras de construción da senda peonil PO-233 (Ponte Bora-Carballedo) en Cerdedo-Cotobade

A delegada en funcións da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, comprobou os traballos en compaña do alcalde da localidade, Jorge Cubela
Publicado por o día 28/07/2020 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A Xunta inicia as obras de construción da senda peonil PO-233 (Ponte Bora-Carballedo) en Cerdedo-Cotobade

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, comprobou esta mañá o inicio das obras de execución da nova senda peonil da PO-233 (Ponte Bora-Carballedo) no concello de Cerdedo-Cotobade.

Estivo acompañada na visita polo alcalde da localidade, Jorge Cubela, así como polo xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez.

A obra desenvolverase entre os puntos quilométricos 9 e 9+424, nun tramo desta estrada que actualmente non conta con zona de circulación peonil independente do tráfico rodado, de cara a mellorar a seguridade viaria.

Os traballos consistirán na execución dunha senda cun ancho mínimo de dous metros, cunha capa de dez centímetros de espesor de formigón. Para executar a obra demolerase o actual firme ata a profundidade necesaria para posteriormente dispoñer a capa que conformará a senda.

Nos casos nos que a beirarrúa se atope sen pavimentar, realizarase a escavación terreo ata unha profundidade de 50 centímetros, para, a continuación, dispoñer un recheo de chan seleccionado de idéntico espesor sobre a que se executará a senda.

Nas áreas onde exista un desnivel significativo entre senda e terreo adxacente, colocarese varanda de protección.

O orzamento dos traballos ascende, con IVE, ata os 47.677 euros e contará cun prazo de execución de dous meses, sen que sexa necesario levar a cabo expropiación algunha.

Comentar noticia

Your email address will not be published.