A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade na estrada PO-551, ao seu paso polos concellos de Bueu e de Marín

Os traballos enmárcanse na estratexia da Xunta para actuar en todos os treitos de concentración de accidentes existentes nas estradas autonómicas, á que destina un investimento superior aos 12 millóns de euros
Publicado por o día 25/08/2020 na sección de Bueu,Galicia,Marín,Xunta de Galicia

A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade na estrada PO-551, ao seu paso polos concellos de Bueu e de Marín

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-551, ao seu paso polos concellos de Bueu e Marín.

Esta actuación, cun investimento de case 1,2 millóns de euros, comezará pola execución de dúas novas glorietas nas zonas de Lapamán e Agrelo en Bueu, así como a mellora dunha intersección no concello de Marín.

Executaranse dúas glorietas no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304 e mellorarase a intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950.

Na intervención inclúese a execución dunha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán.

Ademais reforzarase a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes.

Outras actuacións complementarias serán a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras e a renovación da sinalización horizontal.

Novas melloras

Tras a análise das alegacións presentadas, o proxecto introduciu o cambio de configuración na glorieta de Agrelo, que se desprazou á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección.

Na glorieta de Lapamán tamén se realizou un axuste para reducir ocupación, pero de menor entidade, e mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.

A maiores inclúese na actuación a mellora da intersección do punto quilométrico 7+320, no concello de Marín mediante a execución dunha cuña de saída que mellora a visibilidade e a seguridade.

Actuacións nos TCA

Estes traballos se enmarcan na estratexia da Xunta para actuar en todos os treitos de concentración de accidentes existentes nas estradas de titularidade autonómica, estratexia coa que se está a poñer especial énfase no reforzo da seguridade viaria e na redución da sinistralidade na rede de estradas da Xunta.

O Goberno galego destina máis de 12 millóns de euros a esta iniciativa coa que está a impulsar actuacións en 90 quilómetros de vías autonómicas para mellorar a seguridade e eliminar aqueles puntos que rexistran unha maior taxa de sinistralidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.