A Xunta insta ao Goberno central a modificar a lexislación sobre prezos para evitar a venda a perdas no agro

Feijóo demanda novamente unha garantía de prezos xustos para o agro que faciliten que as actividades dos agricultores e dos gandeiros sexan rendibles
Publicado por o día 13/02/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Xunta de Galicia

A Xunta insta ao Goberno central a modificar a lexislación sobre prezos para evitar a venda a perdas no agro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta solicitará ao Executivo central que modifique a normativa nacional sobre prezos para evitar a venda a perdas no agro, así como á elaboración dunha lei de incentivos fiscais para os sectores agroalimentario e forestal.

O titular da Xunta explicou que Galicia demandou novamente unha garantía de prezos xustos para o agro que faciliten que as actividades dos agricultores e dos gandeiros sexan rendibles.

Sobre este punto, Feijóo incidiu en que, se ben a normativa comunitaria e española sobre competencia impiden fixar uns mínimos para os produtos agrícolas, pódese actuar para que a cadea de valor constrúa o prezo dos produtos do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando deste xeito, as vendas a perdas.

Así as cousas, e tendo en conta o escenario europeo, expuxo a necesidade de que o Goberno central apure tanto a transposición da directiva europea 633/2019 converténdoa de forma inmediata en lei nacional, como a modificación da lexislación nacional, coa constitución de grupos de traballo no que participen todas as comunidades.

Ademais o presidente destacou que, para paliar a situación que está vivindo o agro en España e tamén na nosa Comunidade, debe seguirse o modelo de Galicia: actuar desde o punto de vista fiscal rebaixando o imposto de sociedades, o imposto da renda ás persoas físicas e o imposto de bens inmobles (IBI) no ámbito rural. “E non o propoñemos agora, propuxémolo hai tempo e o comunicamos ao Ministerio hai meses”, dixo, lembrando que esta rebaixa fiscal no rural foi aprobada no Parlamento de Galicia e está en marcha desde o ano 2016.

“Desde o ano 2016 Galicia é a única Comunidade de España con Impostos Cero no Rural, e os beneficiarios desta política fiscal sen impostos chegan a máis de 70.000 familias: exactamente 70.003 familias fixeron transaccións no rural sen impostos”, aseverou, ao mesmo tempo que recordou que non se trata de suprimir o imposto da renda ou o de sociedades, pero si diminuílos en función de determinadas condicións para algunhas explotacións agrarias e forestais en España. “Iso si que é traballar no ámbito de prezos e facer competitivo o sector agrario, gandeiro e forestal en España”, concluíu.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, lembrou que onte mesmo lle trasladou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, as últimas propostas de Galicia sobre a mellora dos prezos no sector e da fiscalidade no agro. Neste sentido, destacou que “deste xeito, Galicia toma a dianteira nesta materia e na defensa dunhas rendas dignas para o sector, pola vía da mellora tanto dos prezos como da tributación”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.