A Xunta investirá 220.000 euros na restauración do bosque de Ribeira no río Umia ao seu paso polo concello da Estrada

Neste proceso realizaranse as xestións previas para a disposición temporal dos terreos na zona de actuación do río, que ten como obxectivo a rehabilitación desta contorna e a preservación das zonas que presentan unha boa conservación
Publicado por o día 02/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta investirá 220.000 euros na restauración do bosque de Ribeira no río Umia ao seu paso polo concello da Estrada

A Consellería de Infraestruturas e mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciará este luns o proceso de participación social para executar as actuación de restauración e conservación do bosque de ribeira no río Umia, no tramo que discorre integramente polo concello da Estrada.

Este trámite permite realizar as xestións previas precisas, entre elas, a disposición temporal dos terreos na zona de actuación, que se centra no tramo do río que vai desde o límite entre A Estrada e Cuntis e, seguindo augas arriba, ata que o río se atopa no límite entre os municipios da Estrada e Forcarei.

Os obxectivos desta intervención son a restauración do bosque de ribeira do río Umia, así como a preservación daquelas zonas onde presenta un bo estado de conservación. Para isto, está previsto realizar labores de recuperación, revexetación, conservación e limpeza dentro da zona de servidume e na propia canle.

Estes traballos dispoñen dun investimento de 220.000 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Deste xeito, levaranse a cabo unha serie de actuacións para o acondicionamento da marxe do río con criterios de mellora silvícola e para acadar a consecución de franxas protectoras ao longo do río, co fin de illar o leito fluvial da influencia do aproveitamento agrícola, tratando de acadar unha formación vexetal con función tampón e, deste modo, mellorar o estado desta masa de auga fluvial.

O bosque de ribeira é unha formación vexetal complexa cun alto valor ecolóxico e ambiental, xa que é fonte de biodiversidade e cumpre funcións esenciais para os ecosistemas acuáticos e para a calidade da auga. O obxectivo final desta actuación é alcanzar un estado o máis natural e recuperado posible do bosque de ribeira.

Cómpre lembrar que este mesmo ano Augas de Galicia rematou os traballos no bosque de ribeira na contorna do encoro do Umia, coa plantación de 6.200 árbores autóctonas. Esta rexeneración do bosque de ribeira, contou cun orzamento de máis de 100.000 euros.

Estas actuacións forman parte do Plan de xestión integral da bacía do Umia e aparecen recollidas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, ao que se suman o conxunto de iniciativas que desenvolve a Xunta para mellorar a calidade das augas do encoro do Umia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.