A Xunta inviste 156.000 euros na promoción do talento audiovisual galego a través das axudas da Agadic

Publícase no DOG a convocatoria de 2019, que incrementa nun 7,5% a súa dotación respecto ao ano pasado
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Cultura

A Xunta inviste 156.000 euros na promoción do talento audiovisual galego a través das axudas da Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de 156.000 euros en axudas ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego para 2019. Esta contía supón un incremento do 7,5% respecto ao ano anterior, aumento que permitirá apoiar dous proxectos máis que en 2018.

En concreto, resérvanse 30.000 euros para a escrita de seis guións de longametraxes cinematográficas en galego, 36.000 euros para a realización de seis proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e 90.000 euros para tres proxectos de longametraxes con dirección novel.

Estas axudas ao talento da Xunta, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, buscan favorecer a incorporación da nova creación á industria galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

En 2018 resultaron adxudicatarios delas 13 proxectos, entre os que atopaban os guións Starmucks, de Andrés Goteira; Unha cornetada para Lucrecia, de Araceli Gonda; O silencio herdado, de Lucía Dapena; Peripheria, de Jesús Roca Rey, e María Balteira, de José Antonio Cascudo; e as curtametraxes Mother, de Giovana Lopalco; Augas abisais, de Xacio Baño; Un verán en Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Xoves de comadres, de Noemí Chantada, e Bailaretada de amos. De fartos e adoecidos, de Iria Ares. En canto ás longas, as beneficiarias foron Aquel sol do verán, de Lara Bacelo, presentado por Madre Films; 10/7, de Xoel Méndez, presentado por Noveolas Producciones; e Alén mar, de Andrés Sanjurjo García.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá e ata o 18 de febreiro, segundo as bases que poden consultarse no seguinte Diario Oficial de Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.