A Xunta inviste máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de 7 obradoiros duais na área de Vigo para formar a 140 desempregados

Vigo, Gondomar, Baiona, Nigrán, Redondela, Mos, Soutomaior, Pazos de Borbén, Cangas e o Moaña beneficiaranse destes programadas, que contan cun período de formación de nove meses e un contrato laboral posterior de alomenos 3 meses
Publicado por o día 06/09/2018 na sección de Emprego,Xunta de Galicia

A Xunta inviste máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de 7 obradoiros duais na área de Vigo para formar a 140 desempregados

A Xunta vén de resolver a convocatoria deste ano dos obradoiros de emprego duais nos que investirá máis de 2 millóns de euros na área territorial de Vigo para aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. En total poranse en marcha 7 programas a través dos que os beneficiarios contaran cun período de formación de nove meses e un contrato laboral posterior de alomenos outros 3 meses.

No que atinxe a área territorial de Vigo, cun total de 20 alumnos en cada caso, concedeuse ao Concello de Vigo o obradoiro Vigo Capacita V para formar traballadores en cociña e restauración, coincidindo co obxecto da actuación da agrupación formada polos concellos Soutomaior e Pazos de Borbén no programa Hostalería Río Pequeno. Redondela Vila Bela II centrarase en xardinería e cantería, mentres que Mos Rehabilita II adicarase á construción, reforestación e mantemento de zonas verdes.

Á Mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) concedéuselle o Valmiemprega III, adicado ao turismo e deseño gráfico e ao Padroado Municipal de Beiramar o Moaña Labora III, centrado no acondicionamento do Entorno da Capela de San Bieito e Río da Freixa e mantemento e mellora de xardíns e zonas verdes do concello.

Por último, Granxa da Rúa VIII abordará unha das especialidades ás que a Economía, Emprego e Industria deu prioridade nesta convocatoria reservando 5 millóns para os obradoiros forestais. Desenvolveranse así actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, en aproveitamento, recolección, repoboación, conservación, silvicultura, construción e mantemento de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e de seguridade e medio ambiente relacionadas tamén coa vixilancia e extinción de incendios.

Sistema de Garantía Xuvenil

A maiores dos sete obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos para menores de 30 anos con Vigo (Formaweb e Maiv-Garantía Xuvenil), Mos (Mos coa Mocidade II), Moaña (O.E.Moaña Moza), Redondela (Redemprega) e O Porriño (Porriño Social) como concellos promotores. O número de alumnos é de 16 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a estes obradoiros máis dun millón de euros.

Novidades dos obradoiros duais

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que puideron concorrer ás mesmas non só os concellos (entre os que se deu prioridade aos concellos emprendedores como Redondela e Mos no caso da área de Vigo), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Orientación e cualificación

No seu conxunto, Galicia contará, en 2018-2019, cun total de 105 obradoiros de emprego, para impulsar a empregabilidade de 2000 persoas na Comunidade. En concreto, o Goberno galego destina un 25% máis que no período anterior. Por unha banda, son 23 obradoiros para menores de 30 anos aos que se destinan 3,4 millóns de euros e un total de 23,26 millóns de euros para a celebración dos obradoiros duais nos que participarán máis de 1600 alumnos dos 206 concellos beneficiarios.

Cómpre sinalar que o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial.