A Xunta inviste preto de 8 M€ nas axudas para a creación de arredor de 4.000 Ha de superficies forestais con frondosas e coníferas nos vindeiros dous anos

O DOG publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural coa que se procura favorecer o aumento da diversidade, incrementar a superficie forestal arborada con frondosas e coníferas e anticiparse aos incendios
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta inviste preto de 8 M€ nas axudas para a creación de arredor de 4.000 Ha de superficies forestais con frondosas e coníferas nos vindeiros dous anos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para a creación de superficies forestais, por un importe de case 8 millóns de euros, para as anualidades de 2021 e 2022 (2 millóns corresponden ao 2021 e os 5,75 restantes a 2022). Estas subvencións destinaranse á creación de superficies forestais con especies de coníferas e frondosas, coas que se prevén plantar arredor de 4.000 hectáreas de monte galego.

Os beneficiarios desta liña de axudas serán as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta. Tamén poderán acollerse a elas as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, que incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, así como os de plantación propiamente dita e a zona de defensa fronte o lume. Tamén, as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.

Ademais, mediante esta liña de subvencións apóstase unicamente pola plantación de frondosas e coníferas. Deste xeito, na orde contémplase a posibilidade de que os propietarios forestais que teñan superficies con brotes de eucaliptais de diámetros por debaixo dos 10 cm de media poidan acollerse ás achegas para transformalas en masas de coníferas ou de frondosas, incrementando deste xeito a descontinuidade e a diversidade de producións dos seu montes.

Deste xeito, trátase de fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas con coníferas e frondosas, procurando a diminución das masas monoespecíficas, favorecendo o aumento da diversidade, así como de aumentar a superficie forestal arborada e reducir o risco de incendios, mediante a valorización dos terreos forestais. Entre as coníferas atópanse o piñeiro silvestre e o teixo e entre as frondosas están, por exemplo, o castiñeiro, o carballo, o ameneiro ou a sobreira, entre outros.

Obxectivos Plan Forestal de Galicia

Así, co fin de ir axustando as diferentes accións a desenvolver pola Xunta respecto ao monte galego e en cumprimento cos obxectivos planeados no Plan Forestal de Galicia, nas liñas de fomento incluídas nesta orde de forestación, tanto de frondosas como de coníferas, estase a seguir obxectivos programáticos e liñas de actuación previstas dentro do propio plan relativo aos servizos ecosistémicos, á conservación da biodiversidade das masas e á xestión forestal sustentable coa mobilización e incremento da produtividade dos recursos forestais galegos.

O prazo de presentación de solicitudes para poder beneficiarse destas subvencións será de trinta días hábiles contados a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Esta convocatoria de axudas é a sexta das correspondentes ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020. Nas cinco anteriores, grazas a estas subvencións actuouse nunha superficie total de algo máis de 13.000 hectáreas, cun importe global de 34,2 millóns de euros e preto de 700 beneficiarios.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210128/AnuncioG0426-110121-0001_gl.html

Comentar noticia

Your email address will not be published.