A Xunta lamenta que a deputación de Pontevedra impida a súa normal participación na mesa do camiño na provincia

O organismo provincial desconvoca a xuntanza prevista para hoxe logo de negar ao titular da Consellería de Cultura e Turismo a súa asistencia de xeito inxustificado
Por o 16/01/2019 | Sección: Cultura,Deputación de Pontevedra,Xunta de Galicia
A Xunta lamenta que a deputación de Pontevedra impida a súa normal participación na mesa do camiño na provincia

A Xunta de Galicia tiña previsto participar no día de hoxe na xuntanza da mesa do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra tal e como vén facendo habitualmente nos últimos anos. Sen embargo, a Deputación provincial decidiu a súa inesperada desconvocatoria logo de negar a presenza nela do titular da Consellería de Cultura e Turismo dun xeito inxustificado.

A Deputación de Pontevedra obvia o seu regulamento co fin de obstaculizar a normal incorporación á mesa do conselleiro, derivada da reforma da estrutura do Goberno autonómico o pasado mes de setembro. Así, impide a súa asistencia a esta reunión malia que o seu funcionamento permite a súa intervención dadas as súas responsabilidades.

Transmitida esta negativa por parte da institución pontevedresa, a Xunta transmitiu a súa sorpresa e incredulidade a través dunha carta remitida á presidenta provincial na que argumenta a oportunidade e relevancia desta participación e o erro da súa decisión.

Así mesmo, solicita a reconsideración e corrección desta postura, a fin de poder perseverar no clima de cooperación e entendemento mantido ata agora no marco do Plan Director do Camiño de Santiago, que dedica a súa primeira liña estratéxica, de maneira íntegra, á coordinación e organización administrativa, contexto no que cabe entender a celebración deste tipo de mesas que dito Plan pretende desenvolver no horizonte do 2021.

O Executivo autonómico apela ao clima de entendemento que está a caracterizar a preparación do Xacobeo 21, un proxecto de país que precisa da suma de esforzos e vontades. Esta realidade plásmase a través de diferentes instrumentos de colaboración que vén funcionando satisfactoriamente con independencia das entidades participantes neles, como o Consejo Jacobeo, que reúne a comunidades gobernadas por distintos partidos políticos; a Comisión Organizadora do Xacobeo 21, coa implicación de distintos niveis da administración; ou o Grupo do Traballo do Xacobeo 21 constituído onte mesmo no Parlamento de Galicia e que integra a todos os grupos con representación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.