A Xunta lanza unha convocatoria extraordinaria de 300.000 euros para mellorar a oferta de bibliotecas e axencias de lectura

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo procedemento que se suma ás axudas xa outorgadas a 186 concellos por importe de 550.000 euros e que supón un incremento do 54% no apoio habitual do Goberno autonómico neste ámbito
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A Xunta lanza unha convocatoria extraordinaria de 300.000 euros para mellorar a oferta de bibliotecas e axencias de lectura

A Xunta de Galicia vén de abrir unha convocatoria extraordinaria das axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e mellorar as coleccións bibliográficas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia por 300.000 euros. Súmase á convocada a principios de ano, xa resolta, da que se beneficiaron 186 concellos cun investimento de 550.000 euros.

Esta convocatoria extraordinaria enmárcase nos compromisos do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico para reforzar o apoio ao sector editorial galego e supón un incremento do 54% no apoio habitual neste ámbito. Como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, regúlanse dúas liñas de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, unha para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico e a outra para a mellora das coleccións bilbiográficas.

Coa primeira liña de axudas, a Consellería de Cultura e Turismo pretende ofrecer aos usuarios estas novidades editoriais en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e axencias de lectura. Unha vez adxudicada as subvención en libros por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación a que atende cada servizo bibliotecario público municipal.

Prazo ata o 31 de agosto

A segunda liña de axudas dirixidas á mellora das coleccións bibliográficas, das bibliotecas e axencias de lectura públicas, o que se pretende é actualizar as coleccións, de xeito que lles permita aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e así incrementar a oferta e o servizo aos usuarios, atendendo de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas que se incrementa a demanda.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as condicións da convocatoria, á que poderán acceder as entidades locais titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. O prazo estará aberto ata o 31 de agosto.