A Xunta de Galicia lembra que Augas de Galicia asume os custos de xestionar e manter no estado axeitado o encoro de Eiras, mentres que o Concello de Vigo cobra tanto aos usuarios como aos concellos beneficiados polo servizo de abastecemento de auga que lles presta a través dunha concesionaria.
Por ese motivo, a Administración autonómica solicítalle ao Concello de Vigo o pago do canon de regulación. Trátase dunha taxa creada pola lexislación estatal en materia de augas que debe aplicarse en Galicia aos beneficiarios da explotación e conservación dos encoros de titularidade da Xunta.
O propio Concello de Vigo realiza tarefas de mantemento e conservación no encoro de Zamáns, mentres que no de Eiras son asumidos pola Xunta.
O Concello de Vigo ten desde hai anos a posibilidade de asinar un convenio coa Xunta para pasar a ser titular da xestión e do mantemento do encoro, evitando así o pago do canon de regulación. O Concello de Vigo rexeitou ata o momento esta posibilidade.
Augas de Galicia realiza numerosas tarefas de control, inspección e mantemento para garantir tanto o bo estado de conservación da presa como a súa seguridade, ademais do control da calidade das augas. A taxa reclamada á administración municipal de Vigo en concepto de canon de regulación limítase a repercutir os gastos dese labor de mantemento.
O Concello de Vigo é o único que se nega a aceptar a súa obriga de aboar o canon de regulación, que a Xunta empezou a aplicar en 2014, e polo que a Administración olívica adeuda xa máis de 3 millóns de euros a Augas de Galicia.
Noticias de última hora en Vigo