A Xunta lembra que o Concello de Pontevedra ten a obriga legal de prestar un servizo de transporte urbano que garanta a mobilidade dos veciños e o seu acceso aos servizos públicos

O Concello, que defendía que a súa competencia era exclusivamente a prestación de servizos de transporte no núcleo urbano, limítase agora a presentar unha proposta de estudo para o transporte baixo demanda no rural
Publicado por o día 29/01/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

A Xunta lembra que o Concello de Pontevedra ten a obriga legal de prestar un servizo de transporte urbano que garanta a mobilidade dos veciños e o seu acceso aos servizos públicos

A Xunta de Galicia lembra que o Concello de Pontevedra, ao igual que todos os municipios de máis de 50.000 habitantes, ten a obriga legal de prestar un servizo de transporte urbano que garanta a mobilidade dos veciños e lles dea acceso aos servizos públicos esenciais, como a sanidade e a educación.

Esta mañá tivo lugar en Santiago un encontro entre técnicos do Concello de Pontevedra e da Dirección Xeral de Mobilidade, na que se confirmou que a administración local carece dun plan co que asumir esta obriga legal, coincidindo coa caducidade das concesións de transporte público que xestiona a Xunta de Galicia.

Actualmente son as liñas de transporte interurbano xestionadas pola Administración autonómica as que prestan servizos no termo municipal de Pontevedra. Tendo en conta que esas concesións de transporte público caducan neste ano 2019, a Xunta considera que é o momento acaído para que o Concello de Pontevedra poña en marcha o seu propio sistema de transporte público municipal, tal e como dita a lexislación.

O Goberno galego dirixiuse ao Concello de Pontevedra para emprazarlle a pór en marcha este sistema de transporte público no termo municipal, deixando claro que, de non facelo, a Xunta seguiría prestando os servizos, incluíndoos no deseño de rutas que está a realizar no marco da elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia.

Nese caso, e, tendo en conta que se trata dunha obriga legal do Concello, a Xunta entende que a Administración local debería asumir o custo da prestación deses servizos no termo municipal de Pontevedra.

Hai que ter en conta que o resto de cidades galegas dispoñen dun servizo de transporte urbano xestionado polas administracións locais, a cuxo funcionamento e subvención destinan unha importante cantidade de recursos cada ano.

Ata o día de hoxe, o Concello de Pontevedra non contestou a esa solicitude da Xunta, se ben na reunión cos técnicos municipais celebrada hoxe puido confirmarse que non se está a traballar no deseño dunha iniciativa para cumprir ese deber legal de prestar servizos de transporte urbano.

Ata o momento, nas xuntanzas celebradas entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, o municipio viña defendendo que o seu deber se limitaba á prestación dun servizo de transporte no núcleo urbano da cidade, sinalando á Administración autonómica como responsable do transporte público no medio rural.

Sen embargo, no día de hoxe, os técnicos do Concello de Pontevedra presentaron a iniciativa de realizar un estudo, financiado con fondos europeos, sobre o mellor modelo para prestación por parte do municipio, de servizos de transporte baixo demanda unicamente no rural.

A postura do Concello de Pontevedra supón, ademais, manter bloqueada a posta en marcha do Plan de transporte metropolitano, tal e como veñen demandando todos os municipios da comarca.

Comentar noticia

Your email address will not be published.