A Xunta lembra que o Concello de Vigo deu a súa conformidade expresa ao proxecto da nova estación de autobuses intermodal

O Concello de Vigo manifestou o seu apoio ao deseño cando emitiu, en abril de 2017, o informe municipal favorable ao proxecto que integra a nova terminal de autobuses, a estación de ferrocarril e o Centro Vialia
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta lembra que o Concello de Vigo deu a súa conformidade expresa ao proxecto da nova estación de autobuses intermodal

A Xunta de Galicia lembra que o Concello de Vigo deu a súa conformidade expresa ao proxecto da nova estación de autobuses intermodal. A Administración local manifestou o seu apoio expreso ao deseño cando emitiu, en abril de 2017, o informe municipal favorable ao proxecto que integra a nova terminal de autobuses, a estación de ferrocarril e o Centro Vialia na parcela de Urzáiz.

Ese informe foi emitido polo Concello de Vigo como parte da tramitación desta actuación conxunta a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia o excepcional interese. Nese informe, Administración local non manifestou ningún reparo relacionado co deseño da estación de autobuses, e realizou propostas referentes aos accesos, que están a ser atendidas.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra que, precisamente, a estación de autobuses e a peza que achega o factor de interese público que resulta imprescindible para que un proxecto poida ser tramitado a través da ‘lei exprés’ que a Xunta aprobou para evitar o bloqueo derivado da falta de Plan Xeral de Ordenación Municipal en Vigo.

Modificar agora o deseño da estación de autobuses obrigaría a paralizar a tramitación urbanística do proxecto, que xa está a sufrir un retraso pola demora do Concello de Vigo á hora de definir os accesos.

Ata a emisión do informe municipal favorable a Administración local ignorara os chamamentos do Goberno galego de implicarse para facilitar o desenvolvemento da estación intermodal.

O deseño da estación de autobuses impulsada polo Goberno galego responde á idiosincrasia da cidade de Vigo, foi coordinado co Ministerio de Fomento e garante a integración estética no complexo.