A Xunta licita as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo e dos seus accesos por un importe de 15,2 millóns de euros

A licitación inclúe a nova estación de autobuses e a parte dos accesos e dos túneles que chegan ata a mesma, cun prazo de execución total de 18 meses
Por o 08/02/2019 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta licita as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo e dos seus accesos por un importe de 15,2 millóns de euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita hoxe, a través da plataforma de contratos públicos de Galicia, as obras de construción da nova estación de autobuses intermodal de Vigo por un investimento de case 15,2 millóns de euros. As empresas interesadas na execución dos traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 6 de marzo.

A licitación inclúe a nova estación de autobuses e a parte dos accesos e dos túneles que chegan ata a mesma, cun prazo de execución total de 18 meses.

Tendo en conta os gastos adicionais de asistencias técnicas das obras e outras achegas aos accesos xerais, o investimento da Xunta na estación de Vigo será de preto de 16 millóns de euros.

O Goberno galego inicia a contratación destes traballos tras desbloquear o problema urbanístico e facer así posible, ademais, o inicio da execución do centro Vialia. Esta aprobación, acadada ao abeiro da Lei autonómica 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional, permitiu desenvolver as actuacións que se mantiñan bloqueadas pola anulación xudicial do PXOM de Vigo.

No que se refire ás características técnicas, a terminal de autobuses desenvolverase en dúas plantas que articulan o desnivel existente, duns 6 metros de altura, entre a praza da Estación e o acceso intermodal á estación de ferrocarril.

O acceso peonil realizarase a través dun núcleo de comunicación vertical situado na nova Praza da Estación que permitirá tamén a comunicación intermodal entre as estacións de autobuses e ferrocarril.

A plataforma de dársenas situarase aproximadamente a cota da Praza da Estación e consiste nun circuíto arredor dunha illa central, cuberta por unha marquesiña perimetral que se desprega dende o patio central.

O edificio de servizos ao viaxeiro ubicarase na planta baixa da terminal de autobuses, baixo a plataforma de dársenas. O edificio volcarase cara o interior, cun gran patio aberto onde se dispón o núcleo de comunicacións verticais coa plataforma de dársenas franqueado por dúas zonas axardinadas aos extremos do mesmo.

A execución da estación de autobuses ao carón do centro Vialia e da estación de ferrocarril permitiralles aos usuarios o cambio de transporte dun xeito máis rápido e cómodo, a través dunha zona habilitada especialmente, adaptada para as persoas con mobilidade reducida.

Comentar noticia

Your email address will not be published.