A Xunta licita o contrato para a execución da obra da primeira fase da ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

Por o 28/12/2018 | Sección: Sanidad
A Xunta licita o contrato para a execución da obra da primeira fase da ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, licitou o contrato para a execución da primeira fase da ampliación do Complexo Hospitalario de Ferrol, cun orzamento de 56.802.804,05 euros. As empresas interesadas teñen ata o 1 de febreiro para presentar as súas ofertas.

Tamén se licitaron dous contratos de servizo, un para a dirección desta obra de edificación cun orzamento base de 761.358,62 euros, e outro para a dirección de execución de edificación por valor de 761.358,62 euros.
As obras previstas nesta primeira fase teñen un prazo de execución de 36 meses. As áreas funcionais asistenciais prioritarias definidas no Plan Director e ás que por tanto se deu prioridade para a súa execución na Fase 1 son as de urxencias, cardioloxía e neurociencias, nefroloxía e diálise, e hospitalización (incluídos UCI de pediatría e adultos).
Esta actuación enmárcase no plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que determina as obras que se realizarán en varias fases para a súa mellora e modernización. As actuacións previstas no plan director desenvolveranse nos edificios do Hospital Arquitecto Marcide e do Hospital Naval, situados en Catabois e que contan con parcelas de 35.000 e 52.000 metros cadrados, respectivamente. En concreto, o plan director aborda a reforma do seu hospital, coa construción de dous novos edificios este e sur, e a remodelación do Hospital Naval.
No Hospital Arquitecto Marcide realizarase a ampliación mediante a construción dos novos edificios este e sur, a reforma parcial da planta semisoto para situar o novo servizo de radioloxía e a urbanización circundante a estas áreas. O edificio sur albergará a nova central de instalacións, a xerencia, a dirección e a administración; e o este contemplará a cociña, os vestiarios, urxencias, a farmacia, gabinetes e os servizos de nefroloxía, pediatría e UCI e a nova hospitalización.
O proxecto recolle tamén as reformas interiores a acometer no Hospital Naval que permitirán habilitar os espazos necesarios para os traslados provisionais de determinados servizos dende o Hospital Arquitecto Marcide.
Contémplase a intervención para a realización da área de farmacia deste hospital e unha zona lindeira que terá o carácter de farmacia provisional, xa que a farmacia central do CHUF situarase no Hospital Arquitecto Marcide unha vez rematadas as obras da fase 1.
Tamén se executarán as obras para o Laboratorio de Microbioloxía e para o Hospital de Día Oncohematolóxico. Ambos se atopan no Hospital Arquitecto Marcide e o Plan Director prevé a súa localización definitiva no devandito centro, pero é necesario o seu traslado provisional para poder dispoñer dos espazos para a execución das obras.

Comentar noticia

Your email address will not be published.