A Xunta licita os traballos para a construción do primeiro albergue público da cidade de Vigo por 1,2 millóns de euros

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou que este proxecto amosa o “compromiso” do Goberno galego coa cidade olívica
Por o 26/06/2019 | Sección: Galicia,Vigo
A Xunta licita os traballos para a construción do primeiro albergue público da cidade de Vigo por 1,2 millóns de euros

A Xunta licita os traballos para a construción do primeiro albergue público da cidade de Vigo e do Camiño Portugués da Costa por 1,2 millóns de euros. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron esta tarde o proxecto que permitirá a rehabilitación dun edificio en ruínas situado no emblemático barrio do Berbés e doutro inmoble ubicado na Praza Peñasco, que conformarán un mesmo establecemento.

O conselleiro de Cultura e Turismo subliñou que este proxecto amosa o “compromiso” do Goberno galego coa cidade olívica e co Camiño Portugués da Costa, unha ruta “en constante crecemento” e que no que vai de ano xa se sitúa como a terceira máis visitada polos peregrinos que chegan a Santiago, rexistrando preto de 8.000 visitantes no que vai de ano, un 80% máis que en 2018.

Ademais, Román Rodríguez destacou que se trata dunha obra que permitirá “avanzar na recuperación do patrimonio cultural” da cidade, xa que a restauración preservará os materiais tradicionais empregados no edificio como as carpinterías de madeira ou a pedra natural. Tamén se conservará o soportal e a fachada de pedra existentes nas plantas baixa e primeira.

O prazo de execución desta obra será dun ano a contar desde a sinatura do contrato, polo que o titular de Cultura e Turismo concretou que o obxectivo da Xunta é que este proxecto estea listo para o próximo Xacobeo 21. “O próximo Ano Santo é unha cita na que a cidade de Vigo está chamada a xogar un papel fundamental”, explicou Román Rodríguez. Do mesmo xeito, o conselleiro agardou que este novo establecemento axude a “mellorar e complementar” a oferta turística da cidade olívica e os servizos que se prestan aos peregrinos.

Aspectos técnicos

O albergue contará cun total de seis andares e terá un aforo máximo de 93 persoas, distribuídas en sete habitacións. Haberá unha habitación e catro servizos hixiénicos adaptados e todas as habitacións estarán deseñadas para ser utilizadas por persoas con mobilidade reducida, converténdose así nunha instalación 100% accesible. A superficie da parcela na que se actuará será de preto de 270 m², se ben a superficie na que se acometerá a reforma, sumadas as seis plantas, será de preto de 970 m².

Os traballos abranguen o edificio situado en Ribeira do Berbés número 5 e o da Praza Peñasco números 7 e 9, que conformarán un mesmo inmoble conectado polo andar baixo e o primeiro andar. Así, o proxecto contempla, por unha banda, o aumento dun andar no edificio de Ribeira do Berbés e outro adicional no edificio do Peñasco, acadando a cifra total de seis andares.

No andar baixo, con acceso desde Ribeira do Berbés, situarase o vestíbulo de acceso, co mostrador de recepción e un cuarto reservado para o albergueiro, unha consigna de bicicletas, unha sala destinada á cociña, un comedor e sala de estar e na zona traseira dous aseos adaptados. O primeiro andar contará cun pequeno balcón, dous dormitorios adaptados con capacidade para 20 e 16 persoas, respectivamente, e tres aseos, un deles adaptado. A maiores, neste andar situaranse tres habitacións especialmente adaptadas.

No segundo andar incluirase unha galería, tres dormitorios adaptados con capacidade para 20, 26 e 10 persoas, respectivamente, e tres aseos, un deles adaptado. O terceiro andar quedará reservado para lavandaría e instalacións, mentres que no cuarto andar, que terá acceso desde a praza de Peñasco, situarase unha segunda zona de estar, con carácter máis reservado que a da planta baixa. Xa por último, o quinto andar contará cun dormitorio con capacidade para dez persoas e dous aseos.

 

Una respuesta para "A Xunta licita os traballos para a construción do primeiro albergue público da cidade de Vigo por 1,2 millóns de euros"

  1. Gamela   26/06/2019 at 6:15

    Agora só teñen que camiñar cen metros para ver como se coida o patrimonio no Berbés…
    https://flic.kr/p/oLcHbG

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.