A Xunta mantén o seu compromiso de colaborar na solución e reclama a Endesa que traballe na viabilidade económica e ao Goberno que non autorice o peche da central

Lamenta a decisión unilateral de Endesa, á que lembra que debe seguir pensando no futuro das Pontes tras coñecerse que as conclusións do comité técnico avalan que o uso de biocombustibles garante que a planta é viable desde o punto de vista técnico e medioambiental

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, trasladou esta tarde durante a reunión telemática da Mesa das Pontes que, ademais do compromiso da Xunta de Galicia de seguir colaborando na busca dunha solución industrial, requírese tamén da implicación do resto de axentes implicados no proceso. É dicir, que Endesa traballe na viabilidade económica do proxecto e que o Goberno garanta que non autorizará o peche da central ata que se atope dita solución.

O vicepresidente económico incidiu en que os resultados dos informes técnicos elaborados polo Xunta –a través do Inega– e o Ministerio para a Transición Ecolóxica –a través do Idae– corroboran que o uso de biocombustibles nestas instalacións é viable desde o punto de vista técnico e medioambiental. Isto demostra que hai alternativas e que a solución industrial é posible. Por iso, a Xunta ratificou o seu non rotundo ao peche da central e mantense ao carón dos traballadores da central térmica, a industria auxiliar e os transportistas, defendendo os seus empregos.

Conde lamentou a decisión unilateral de Endesa en vez de traballar pola viabilidade da planta a longo prazo, o que garantiría o futuro desta comarca. Neste sentido, lembrou que a compañía ten un compromiso que cumprir: debe seguir pensando no futuro das Pontes tras coñecerse as conclusións do comité técnico.

En paralelo, o vicepresidente económico da Xunta de Galicia solicitou ao Goberno unha folla de ruta clara e definida, e planificación para afrontar unha transición enerxética con garantías que non supoña un desmantelamento da industria e non deixe sen alternativas comarcas enteiras como a de Ferrolterra; unha transición xusta e ordenada que permita o mantemento da actividade industrial e dos empregos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM