A Xunta merca produtos agroalimentarios para entidades e comedores sociais co fin de axudar tamén aos pequenos agricultores e gandeiros cos seus excedentes

A compra realízase a través da nova canle, Mercaproximidade, para paliar a perda de ingresos destes produtores ao estar pechadas as súas canles habituais de comercialización
Publicado por o día 21/04/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Alimentación,Xunta de Galicia

A Xunta merca produtos agroalimentarios para entidades e comedores sociais co fin de axudar tamén aos pequenos agricultores e gandeiros cos seus excedentes

A Consellería do Medio Rural está a mercar produtos agroalimentarios para diversas entidades e comedores sociais sen ánimo de lucro nestes tempos de emerxencia sanitaria a través da canle Mercaproximidade, co fin de axudar tamén aos pequenos agricultores e gandeiros galegos a darlle saída aos seus excedentes e frear así a perda de ingresos debido ao peche das súas canles habituais de comercialización.

Desta forma, a Consellería do Medio Rural procedeu a mercar patacas, carne, queixos e mel para repartir esta semana entre o albergue Padre Rubinos, sito na Coruña; a Cociña Económica de Santiago; San Froilán Cáritas, en Lugo; o comedor social de Cáritas de Ourense; o comedor de San Francisco, en Pontevedra; e o comedor social Vida Digna, localizado en Vigo.

Esta medida excepcional impulsada pola Consellería, e publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 14 de abril, contempla tamén apoiar o futuro das explotacións agrícolas e gandeiras de Galicia que, nestes momentos, están a ter problemas de saída cos seus produtos ao permanecer pechada a hostalaría, a restauración e os mercados tradicionais de proximidade. Deste xeito, ao mercar estes alimentos a través da rede Mercaproximidade, a Xunta tamén contribúe a garantir a supervivencia do motor principal da dinamización do rural, centrado na actividade agropecuaria.

Tras a súa posta en marcha o pasado 15 de abril, a canle de distribución Mercaproximidade xa ten máis de 100 produtores interesados en adherirse a esta fórmula de venda, na que xa están integrados os grupos Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -a través dos establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas -a través da súa rede de supermercados Plenus-, Lidl e Alcampo. Non obstante, a iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse, co obxecto de axudar aos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.