A Xunta modifica os prazos de execución dos proxectos das beneficiarias do programa Emega debido á crise da covid-19

O DOG publica hoxe os cambios na convocatoria de 2018 sobre o período mínimo de mantemento da actividade subvencionada, así como da duración dos contratos dos postos de traballo creados
Publicado por o día 13/08/2020 na sección de Economía,Formación,Xunta de Galicia

A Xunta modifica os prazos de execución dos proxectos das beneficiarias do programa Emega debido á crise da covid-19

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as modificacións nas bases reguladoras do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino da convocatoria de 2018. En concreto, no que se refire aos prazos de execución de dous anos das iniciativas subvencionadas como consecuencia da crise sanitaria da covid-19.

O programa Emega beneficiou na súa edición de 2018 a un total de 72 proxectos liderados por mulleres, así como a creación e o mantemento de 113 empregos. Debido a que durante a execución dos seus proxectos decretouse o estado de alarma e o confinamento, moitas destas empresas víronse directamente afectadas polo peche de actividades económicas non esenciais.

Por iso, a Xunta acordou mediante a resolución publicada hoxe minorar a exixencia da permanencia da actividade empresarial e do mantemento do emprego xerado coas axudas Emega reducindo o actual período mínimo de dous anos, e deixando na convocatoria de 2018, como período de permanencia o comprendido entre a data de inicio de cada proxecto ata a data de inicio do estado de alarma. A modificación afecta tanto a duración da actividade como ao mantemento dos postos de traballo incluídos na concesión da axuda.

O Goberno galego tamén prevé adaptar e flexibilizar as bases da convocatoria de 2019 para minimizar os efectos que poidan ter os peches de negocios das 161 beneficiarias do programa nesa edición, que ademais permitiu crear ou manter 236 empregos.

Na convocatoria deste ano xa se incorporaron varias modificacións para reforzar o apoio ás emprendedoras tendo en conta o actual contexto económico derivado da crise do coronavirus.

A Administración autonómica pretende así garantir a pervivencia das empresas e tamén, como novidade, na orde deste exercicio dou maior énfase as axudas dunha das catro liñas do programa. Trátase da liña Activa, dirixida á reactivación e a consolidación de empresas a través de incentivos para a renovación, a ampliación ou o cambio de localización cos que paliar unha situación económica adversa, agravada como consecuencia da crise sanitaria da covid-19. De feito, a Xunta flexibilizou os criterios de acceso sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos ademais de valorarse o emprego mantido neste período.
A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020. O Goberno galego mantén o investimento de 2019, cando se duplicara respecto ao ano anterior. A aportación da Xunta nos últimos catro anos no programa Emega ascende a 4,9 millóns de euros, o que permitiu financiar entre 2016 e 2019 un total de 381 proxectos que deron lugar a 695 empregos a outras mulleres.

O obxectivo deste programa, consolidada como medida para fomentar o emprendemento feminino é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso doutras medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A finalidade última é que as mulleres emprendedoras que teñan unha idea poidan materializala e axuden, ao mesmo tempo, á creación de novos postos de traballo.