A Xunta non está a construir un aparcadoiro de balde para o Hospital compostelán de Conxo como afirma o Alcalde de Vigo

O Goberno galego lamenta que unha vez máis o rexedor vigués recorra á mentira para manter a súa estratexia de confrontación permanente coa Xunta de Galicia
Publicado por o día 31/10/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta non está a construir un aparcadoiro de balde para o Hospital compostelán de Conxo como afirma o Alcalde de Vigo

A Xunta de Galicia nega que estea a construír, como di o alcalde de Vigo, un aparcadoiro de balde para o hospital compostelán de Conxo. Por tanto, lamenta que unha vez máis o rexedor vigués recorra á mentira para manter a súa estratexia de confrontación permanente co Executivo autonómico.

A este respecto, cómpre aclarar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a comezos deste mes outubro as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo, no concello de Santiago, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros. Unha actuación que estase a desenvolver no marco dunha colaboración entre a Xunta e o Concello de Santiago.

Estas obras forman parte da iniciativa de mellora das chegadas dos Camiños de Santiago que está a desenvolver o Goberno galego para preparar a celebración do Xacobeo 2021 como un gran acontecemento turístico para o conxunto de Galicia.

Os traballos no núcleo de Conxo de Abaixo suporán unha reordenación do Camiño Portugués, mellorando a mobilidade peonil ao priorizar a peregrinos e veciños do lugar sobre o tráfico rodado, reducindo o tránsito de vehículos.

Dado que a execución das obras supoñen a eliminación dun número importante de prazas de aparcadoiro que actualmente usan os veciños do barrio de Conxo, co obxectivo de evitarlles prexuízos, proxectouse como actuación complementaria a adaptación como espazo de aparcadoiro dunha parcela de propiedade do Servizo Galego de Saúde, anexa ao Centro de Saúde de Conxo. Non se trata, polo tanto, dun aparcadoiro vinculado ao hospital de Conxo, senón dunha reubicación de prazas de estacionamento ao servizo dos veciños.

O importe desa actuación é 413.808,48 euros, unha cantidade sensiblemente inferior aos 700.000 euros que prevé investir a Xunta na adecuación do aparcadoiro e mellora da accesibilidade do Hospital Meixoeiro en Vigo o vindeiro ano.

Comentar noticia

Your email address will not be published.