A Xunta “non ten a máis mínima intención de elaborar unha Lei de Mobilidade Sustentable”

Publicado por o día 06/03/2019 na sección de Política,PSOE

A Xunta “non ten a máis mínima intención de elaborar unha Lei de Mobilidade Sustentable”

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe que o goberno galego constatara que “non ten a máis mínima intención de elaborar unha Lei de Mobilidade Sustentable de Galicia. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na que reclamou unha norma específica cumprindo coas directrices da política de transportes da UE.

Álvarez lamentou que o goberno respondera aludindo a un rosario de normas que afectan ao transporte, dende o Plan de Transporte á Lei de Acompañamento de 2017, pasando pola Lei do Taxi ou a resolución da Xunta sobre os distintivos nestes vehículos. Concluíu que “contamos de feito –que non de dereito- cunha sorte de Lei de Mobilidade Sustentable feita a base de retallos de Lei, documentos de organización administrativa ou resolucións sobre o uso de distintivos”.

Criticou que o goberno galego teña renunciado ao compromiso autoimposto polo PP no seu programa electoral do ano 2016 de aprobar unha Lei que regule o transporte público con criterios medioambientais para cambialo por “todo un microcosmos normativo co que pretenden que confundamos unha Lei”.

Acusou ao goberno galego de quedarse atrás con respecto ás esixencias fundacionais da UE e do propio Libro Branco sobre a política común de transportes e mesmo de outras comunidades autónomas gobernadas tamén polo PP que si que teñen aprobada unha Lei de Mobilidade Sustentable.

O responsable socialista reivindicou unha normativa que regule o transporte de persoas e mercadorías en base ao criterio de sustentabilidade económica e medioambiental acorde coas directrices comunitarias.