A Xunta, o Concello de Vigo e o Goberno de España acordan analizar conxuntamente e sen apriorismos a mellor medida estrutural para garantir o abastecemento de auga na comarca

O estudo será financiado a terzos entre as partes e en función do resultado analizarase a declaración das obras como atuación de interese xeral do Estado
Publicado por o día 26/10/2018 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta, o Concello de Vigo e o Goberno de España acordan analizar conxuntamente e sen apriorismos a mellor medida estrutural para garantir o abastecemento de auga na comarca

A Xunta, o Concello de Vigo e o Goberno de España acordaron hoxe realizar conxuntamente un estudo sen apriorismos sobre a mellor medida estrutural para garantir o abastecemento de Vigo e a zona sur da provincia de Pontevedra. Así o explicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tras a xuntanza que mantivo co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na que tamén participou a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.
Segundo o acordado, o estudo será financiado a terzos entre as partes e en función do resultado analizarase a declaración das obras como atuación de interese xeral do Estado.

Vázquez Mourelle, explicou que a Xunta presentou hoxe unha proposta de convenio de colaboración para impulsar un estudo que analice en detalle o mellor xeito de garantir o abastecemento, e sobre a que o Concello e o Ministerio para a Transición Ecolóxica deben trasladar observacións en poucos días e axilizar así a actuación.

Lembrou que o actual sistema que abastece de auga a Vigo e a outros 10 concellos, a través dos encoros de Eiras e Zamáns, presenta deficiencias estruturais que precisan de medidas para evitar que exista un risco de quedar sen auga.

Sinalou que a Xunta mostrou a máxima colaboración co secretario de estado de Medio Ambiente e o Concello de Vigo para avanzar nestas medidas estruturais que se precisan. E neste sentido, salientou o importante paso dado hoxe entre as tres Administracións, para colaborar conxuntamente no acordo do estudo de alternativas e o análise de impacto ambiental.

A conselleira informou de que Augas de Galicia dispón de amplos e exhaustivos informes sobre as deficiencias do sistema de abastecemento de auga a Vigo e as diferentes alternativas de solución e a Xunta solicitou que esa documentación sexa tida en consideración no novo estudo que se acordou realizar.

Caudais ecolóxicos

Ethel Vázquez informou de que na xuntanza tamén se abordou a cuestión dos caudais ecolóxicos, explicando os representantes do Goberno galego que estes seguen procedementos protocolizados que teñen en todos os parámetros da bacía hidrográfica correspondente.

Nese sentido, a conselleira salientou que o encoro de Eiras está ao 60% da súa capacidade e iso non xustifica adoptar unha medida extraordinaria como a reducción drástica do caudal ecolóxico.
Os protocolos que regulan os caudal ecolóxico xa prevén a súa modulación en función de cada situación hidrolóxica, algo que non se aconsella na actualidade ao non darse un contexto de alerta nin de prealerta por seca.

Ethel Vázquez indicou que se en Vigo existe preocupación social tendo auga e sen haber seca é debido á necesidade de acometer non só medidas a longo prazo como as acordadas hoxe, senón que tamén debe de actuarse na estación potabilizadora.

Indicou que o encoro de Eiras estaba o ano pasado ao 38% e esa auga garante 55 días de subministro, e, sen embargo, a incapacidade da potabilizadora non era capaz de garantilo.