A Xunta, o Eixo Atlántico e o Consello Económico e Social crearán unha comisión executiva para seguir demandando investimentos no Corredor Atlántico do Noroeste

As tres institucións comparten a necesidade de aproveitar a oportunidade única dos fondos europeos de recuperación ‘Next Generation’ para impulsar a modernización da rede ferroviaria
Publicado por o día 30/11/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta, o Eixo Atlántico e o Consello Económico e Social crearán unha comisión executiva para seguir demandando investimentos no Corredor Atlántico do Noroeste

A Xunta, o Eixo Atlántico, o Consello Económico e Social (CES) crearán unha comisión executiva para seguir demandando investimentos no Corredor Atlántico do Noroeste e á que convidarán a participar á FEGAMP.

Así o acordaron hoxe nunha reunión, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a vicepresidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, así como o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández. Na xuntanza, tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

No encontro, compartiron a necesidade de aproveitar a oportunidade única dos fondos europeos de recuperación Next Generation para impulsar o Corredor Atlántico do Noroeste a través da remodelación global da súa rede ferroviaria.

Durante unha reunión mantida este mediodía, tanto a Xunta, como o CES e o Eixo Atlántico incidiron na importancia de seguir sumando vontades de todos os axentes implicados en Galicia para acadar un compromiso co Corredor Atlántico do Noroeste, reforzando a alianza de éxito forxada coas comunidades veciñas de Asturias e Castela e León.

Coa comisión executiva acordada, a defensa do Corredor Atlántico reforzaríase coa unión entre o Goberno galego e os concellos, o sector económico e social a través do CES, así como os municipios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal integrados no Eixo Atlántico.

Ademais, acordaron que o voceiro desta comisión executiva será o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández.

Alberto Núñez Feijóo lembrou a alianza forxada entre Galicia, Asturias e Castela e León, así como as xestións realizadas desde o Eixo Atlántico, que permitiron que tanto a Comisión como o Parlamento Europeo aprobasen a proposta de extensión do corredor cara ao noroeste peninsular, a través dos treitos A Coruña-Vigo-Ourense-León.

Salientou, tamén, o acordo entre as tres comunidades para a elaboración conxunta dunha Estratexia loxística do noroeste peninsular co obxectivo común de propoñer actuacións concertadas para o desenvolvemento do transporte intermodal e da loxística no noroeste español ante o Goberno central e ante Europa.

A creación da comisión executiva permitirá unificar os esforzos que desde os distintos organismos e institucións se veñen realizando en Galicia en defensa do Corredor Atlántico do Noroeste.

Así, ademais do traballo desenvolvido pola Xunta, hai que ter en conta, por exemplo, o traballo do Eixo Atlántico e do CES, reflectido no manifesto conxunto para solicitar que se prioricen os proxectos das infraestruturas pendentes do Corredor Atlántico, así como a mellora das conexións con Portugal -Saída Sur de Vigo-, aproveitando os fondos de reconstrución europeos, con criterios de cohesión e equilibrio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.