A Xunta outorga 22.776 horas anuais máis de Axuda no Fogar para dependentes aos concellos de Vilagarcía, O Grove, Cambados, A Illa, Meaño, Meis e Ribadumia

A Consellería de Política Social concede 8.664 horas máis á capital do Salnés, o que supón un alza do 15,2% e permitirá realizar 65.628 horas por exercicio
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Galicia,O Grove,Ribadumia,Vilagarcia

A Consellería de Política Social vén de aumentar o investimento no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a atención de persoas dependentes en toda a comunidade, a partires deste mesmo ano, en 10 millóns de euros. Ao abeiro desta medida, sete concellos da bisbarra do Salnés van dispoñer de 22.276 horas máis cada exercicio.

O Concello de Vilagarcía de Arousa vai ser un dos grandes beneficiarios da alza do orzamento do SAF para dependentes de toda Galicia no presente exercicio -que chegará ata os 83,6 millóns de euros- xa que vai recibir un dos maiores incrementos desta prestación en toda provincia posto que recibirá 8.664 horas máis por ano, un 15,2%, ata alcanzar as 65.628.

Ademais da capital do Salnés, Política Social tamén vai conferir outros incrementos desta teleasistencia a outros seis municipios desta bisbarra. Así, O Grove vai dispoñer, dende este mesmo ano, de 7.548 horas máis, unha das subas máis importantes da provincia co 18,5%; Cambados contará cunha alza de 4.968; A Illa de Arousa gañará 840 horas deste servizo; Meaño terá un aumento de 492; Meis o incrementará en 216; e Ribadumia, a falla e que se poidan sumar máis, aumentará en 48.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, informou desta concesión aos alcaldes e concelleiros de Servizos Sociais dos sete concellos beneficiarios desta zona nunha reunión telemática celebrada na xornada de hoxe. Na mesma explicoulles que este incremento do SAF determinouse de oficio por parte dos servizos técnicos da consellería aplicando o criterio da lista de agarda de cada un dos municipios para poder atender a máis usuarios, especialmente na actual situación polos efectos sociais da crise sanitaria da covid-19.

En total, na provincia de Pontevedra vanse beneficiar desta medida un total de 32 concellos, que gozarán en conxunto dun incremento de 463.000 horas anuais de atención a dependentes ata chegar a case 2 millóns por exercicio, o que supón un ascenso do 30,5% nestes territorios.

Incremento do SAF para dependencia na bisbarra do Salnés

Concello
Horas 2020
Incremento
% Incremento
Horas 2021
Vilagarcía
56.964
8.664
15,2%
65.628
O Grove
40.656
7.548
18,5%
48.204
Cambados
31.140
4.968
15,9%
36.108
A Illa de Arousa
16.920
840
4,9%
17.760
Meaño
16.344
492
3,0%
16.836
Meis
13.176
216
1,6%
13.392
Ribadumia
23.388
48
0,2%
23.436

 

Tras a xuntanza, Luisa Piñeiro destacou a “absoluta implicación” da Xunta de Galicia coa atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, “con especial fincapé nas que sofren dependencia, que son as que se atopan máis desamparadas, sobre todo coa crise da covid-19, e que precisan que o Goberno galego estea ao seu lado, polo que ese é o noso compromiso e o que estamos a facer con este forte incremento da teleasistencia”.

Máis fondos para dependencia

Finalmente, revelou que unha das grandes reivindicacións do executivo autonómico co Goberno de España na cobertura económica da dependencia estase comezando a conseguir, xa que o Estado incrementará en 45 millóns a súa partida global para a dependencia en Galicia, alcanzando os 141 millóns de euros. “A cifra segue a ser insuficiente e incumpre a normativa, xa que fixa o 50% para cada administración e ata a data a Xunta poñía 304 millóns e o Estado os 96 restantes, o que nos impedía aumentar a dotación aos concellos. Pero en todo caso, é un avance despois de moito insistir e nos permitirá atender un pouco mellor as constantes demandas dos municipios, aos que ata agora non podíamos darlles máis horas porque o Estado só aportaba o 24% dos 400 millóns de euros que precisa cada ano toda a atención da dependencia en Galicia, na que o SAF xoga un papel importante pero non exclusivo”, concluiu a delegada territorial.