A Xunta pechará entre hoxe e mañá o 2º Plan de rescate cos colectivos de autónomos e a Mesa do Diálogo Social para activar de inmediato a tramitación das axudas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe desde Santiago de Compostela por videoconferencia coa Mesa do Emprego Autónomo e mañá falará cos empresarios e sindicatos no marco do Diálogo Social
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Emprego,Xunta de Galicia

Tal e como se comprometeu o pasado venres co sector da hostalaría, a Xunta activará esta semana a tramitación administrativa do segundo Plan de Rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias, ao que o Goberno galego destinará 75 millóns de euros. A orde de axudas está xa ultimada e pendente de incorporar algunhas achegas dos principais sectores de actividade económica afectados pola crise sanitaria.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia cos representantes da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia e mañá celebrará unha nova xuntanza coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e representantes de UXT e CCOO -integrantes do diálogo social- coa idea de comezar de inmediato a tramitación administrativa da convocatoria.

A prioridade do Goberno galego pasa por que o pago das axudas chegue canto antes aos sectores afectados pola pandemia. Por iso, Lorenzana trasladou a importancia destes contactos cara a deseñar a mellor proposta froito do consenso e que poida dar resposta ás necesidades que trasladan persoas traballadoras autónomas, empresarios e representantes sindicais.

O 2º plan dará continuidade ao 1º Plan de Rescate. Entre ambos os dous suman 161 millóns de euros de apoios directos ás actividades máis afectadas pola emerxencia sanitaria.

As novas axudas directas contarán con menos requisitos, serán máis rápidas, acumulables e complementarias co 1º Plan de Rescate e co resto dos apoios desenvolvidos polo Goberno galego para paliar os efectos económicos da pandemia.

O importe das contías será maior, ademais, en función das porcentaxes de perda aportadas polos solicitantes.

Os autónomos non terán que acreditar, nesta ocasión, ser beneficiarios de prestación por cese de actividade. Tampouco se lles esixirá ás microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar aos cartos.

No caso da hostalaría, os apoios faranse extensivos aos establecementos que deban permanecer pechados por recomendación sanitaria, aos que soamente poden servir comidas para levar o de envío a domicilio e mesmo aos negocios que no mes de xaneiro so puideron traballar coas terrazas operativas.