A Xunta pide que non se alarme de xeito inxustificado ao sector pesqueiro e marisqueiro sobre o proxecto de dragaxe do Lérez

A Consellería do Mar lanza unha mensaxe de tranquilidade e lembra que esta actuación está nunha fase moi preliminar, sen ningunha decisión en firme
Publicado por o día 10/06/2019 na sección de Galicia,Pontevedra,Xunta de Galicia

A Xunta pide que non se alarme de xeito inxustificado ao sector pesqueiro e marisqueiro sobre o proxecto de dragaxe do Lérez

A Consellería do Mar mantén o seu compromiso de avanzar na dragaxe da ría de Pontevedra e está a facer as xestións precisas para atopar a mellor solución posible sen prexudicar ao sector pesqueiro e marisqueiro da zona. Por iso, o Executivo galego quere lanzar unha mensaxe de tranquilidade ao sector e pedir a máxima responsabilidade a todas as partes implicadas para que non se alarme de xeito inxustificado sobre esta actuación. Hai que lembrar que se trata dun proxecto que está nunha fase moi preliminar, sen ningunha decisión en firme e á espera dos informes encargados para o seu deseño. O obxectivo é contar con todas as garantías de que as actuacións que finalmente se realicen son as máis idóneas para todas as partes.

A Xunta decidiu cambiar o punto de vertido dos residuos do Lérez tras comprobar que este asunto, o do punto de vertido, era o principal problema que bloqueaba o proxecto. Ante esta situación, estase a verificar a posibilidade de verter en puntos situados fóra da ría e xa autorizados en ocasións anteriores co obxectivo de axilizar a tramitación. Non obstante, non hai ningún punto elixido, como se está a dicir, senón que é algo que se está a estudar.

Neste sentido, a Consellería do Mar ten contratados os estudos necesarios para analizar esa viabilidade dos puntos de vertido, algo que deixa ben claro que a decisión aínda non está tomada pois non se pode avanzar no proxecto carecendo do avais necesarios para levalo a cabo. Por iso, entendemos que é un erro grave e inxustificado falar dun punto de vertido definitivo cando eses estudos nin sequera están realizados. Cabe lembrar ademais que para poder depositar os materiais procedentes de dragaxes en puntos de vertido no mar, os elementos que os compoñen, sexan lodos ou áridos, deben ser inocuos para a contorna.

Ante esta situación, a Xunta lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector e reafirma o seu compromiso total coa actividade pesqueira, marisqueira e náutico-recreativa da zona ao tempo que salienta que nunca adoptaría decisións que os prexudicasen. Precisamente, co obxectivo de acadar unha solución satisfactoria para todas as partes, a Consellería do Mar defende, como fixo sempre, o diálogo e o consenso como as vías prioritarias para sacar adiante un proxecto de dragaxe do Lérez que mellore o estado da ría de Pontevedra.

Outra mostra do compromiso do Executivo galego con esta actuación é o feito de que figura dentro dos orzamentos de Portos de Galicia, ente dependente da Consellería do Mar, desde que o proxecto orzamentario foi presentado no Parlamento aló por outubro do ano pasado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.