A Xunta pide que toda Galicia pase á fase 1 o 11 de maio

Segundo o conselleiro Vázquez Almuiña, a unidade territorial de actuación sanitaria sobre a que levar a cabo medidas restritivas de mobilidade, de aconsellalo así os indicadores, debe ser aquela que, en cada caso concreto, se demostre como a máis efectiva
Publicado por o día 06/05/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

A Xunta pide que toda Galicia pase á fase 1 o 11 de maio

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou este mércores que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo pedirá que toda Galicia pase á fase 1 do proceso de desescalada o próximo 11 de maio e que a referencia que se tome sexa a área sanitaria. Acompañado doutros dirixentes do Servizo Galego de Saúde, Almuiña detallou as características do documento que se remite ao Ministerio de Sanidade e esgrimiu a situación de Galicia neste momento —seguen en tratamento 2.808 pacientes de coronavirus e 236 permanecen ingresados—.

Almuiña informou hoxe, en comparecencia pública telemática ante os medios de comunicación, da proposta que o seu departamento trasladou ao Ministerio de Sanidade para pasar á fase 1 do Plan para a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ao entender que se cumpren os requisitos establecidos recollendo, tamén, unha proposta de modelo de unidade territorial que pretende conxugar o menor conflito posible entre a protección da saúde e os dereitos fundamentais da cidadanía.

Para o representante do Goberno galego, durante a aplicación do Plan de transición debe permitirse a mobilidade das galegas e galegos dentro da nosa comunidade, sempre que as súas áreas sanitarias se atopen na mesma fase.

A formulación do Goberno galego, -remarcou Almuiña-, é que a mobilidade debe permitirse para a cidadanía dentro da Comunidade Autónoma galega, sen aterse aos límites provinciais, e sempre que as áreas sanitarias de orixe e destino se atopen na mesma fase.

“Tanto os números absolutos como as tendencias son positivas no conxunto de Galicia e en todas as áreas”, explicou o conselleiro, quen indicou que nos últimos 14 días non se computou ningún caso de transmisión en 190 municipios (e en 196 ningún caso de transmisión comunitaria).

Ademais, o Sergas defende a capacidade sanitaria e hospitalaria de Galicia se houbese que dar resposta a novos casos, así como de seguir e illar calquera contaxio que se detecte. Na súa intervención, Almuiña remarcou que a proposta da Xunta é tamén que haxa “unha maior flexibilidade na mobilidade entre territorios coa mesma situación epidemiolóxica” dentro da Comunidade.

Capacidade de illamento de zonas concretas

Tal e como incidiu o conselleiro de Sanidade, Galicia non pretende aumentar con esta proposta as restricións á mobilidade que o Goberno do Estado poida considerar. A proposta da Xunta baséase en ter a capacidade para o illamento de zonas concretas inferiores como a zona, o distrito ou a área, caso de ser necesario, para que, no suposto da existencia de rebrotes, se aconselle o establecemento de restricións á mobilidade.

A toma de decisións que motiven o cambio de fase das previstas no Plan de transición, de acordo cos datos epidemiolóxicos, aplicaranse sobre o ámbito da área sanitaria.

A unidade territorial de actuación sanitaria sobre a que levar a cabo medidas restritivas de mobilidade, de aconsellalo así os indicadores, debe ser aquela que, en cada caso concreto, se demostre como a máis efectiva para controlar de forma máis precisa e proporcionada á situación adversa.

En consecuencia, subliñou Almuiña, será unidade territorial de actuación para impoñer restricións a zona sanitaria caso de que se poida atender a situación con esta delimitación, senón será o distrito e, de non ser posible, a área sanitaria. Esta aproximación, entende o conselleiro, que é a que permite o menor conflito entre a protección da saúde e os dereitos fundamentais da cidadanía.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.