A Xunta pide un “cheque en branco” para unha reforma fiscal “sen explicar”

Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Política,PSOE

A Xunta pide un “cheque en branco” para unha reforma fiscal “sen explicar”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, rexeitou hoxe o teito de gasto proposto pola Xunta por canto supón un “cheque en branco” para asumir unha reforma fiscal sen explicar a través dun “debate serio”. Así o explicou logo da Xunta de portavoces que aprobou a convocatoria e a organización do Pleno específico que se celebrará mañá martes.

Advertiu que a documentación aportada pola Xunta só ofrece unha “estimación parcial dos efectos” da dita reforma sen explicar que impostos quere modificar. Ademais, sinala, “anuncian unha redución de impostos, pero ao mesmo tempo incrementan un 33 por cento os ingresos financeiros, que inclúen tributos propios da Xunta”.

As previsións do goberno galego, dixo Leiceaga, condenan a Galicia a permanecer un ano máis moi por debaixo da capacidade de creación de emprego do resto do Estado, un factor fundamental para reverter a crise demográfica e garantir a sostibilidade do sistema de benestar de Galicia. Ademais, sinalou a “incertidume” que introduce o goberno galego ao aprobar o teito de gasto sen coñecer a cifra autorizada a nivel estatal, tal e como fixera xa en 2016.

O responsable socialista resumiu que as previsións do goberno galego incorporan demasiado “márketing” para presentarse como un goberno que cumpre co déficit e ao longo do exercicio teña que pedir máis créditos.

Candidatura

Fernández Leiceaga reclamou hoxe unha explicación logo de que “aquel que prometía dúas lexislaturas se encamiñe agora a unha cuarta”. Aludiu así ao debate do Estado da Autonomía, no que, dixo, Feijóo estreou unha remodelación do goberno “que indica que a reflexión –sobre a súa candidatura en 2020- está máis que lanzada”, como confirmou esta fin de semana o presidente do Parlamento nunha entrevista.

O portavoz socialista defendeu a capacidade de diálogo demostrada polos socialistas galegos no debate da semana pasada, ao participar en 21 das 23 propostas que foron transaccionadas con tódolos grupos parlamentarios, 8 delas co PP, e apoiando ademais as dúas nas que non participaron. Sinalou a participación do grupo nos “acordos significativos” que “indican como entendemos a política, para sacar adiante propostas en beneficio da cidadanía a través do diálogo”.

Fernández Leiceaga sinalou “os socialistas ou presentamos ou apoiamos todas as proposta dentro do marco constitucional ou estatutario que fagan avanzar o autogoberno de Galicia ou defender mellor os nosos intereses xerais”. Sinalou así aos acordos sobre a reforma do Senado, a convocatoria da Conferencia de Presidentes, así como da transferencia da AP9, a chegada do AVE ou o financiamento da Dependencia.

Taxa universitarias

Apuntou que “conseguimos centrar o debate en Galicia, así como nas propostas en materia de política social ou de modernización económica”, defendendo propostas “novidosas” como a gratuidade das taxas da primeira matrícula na Universidade, que suporía un custe “asumible” de entre 6 e 8 millóns anuais. Tamén apoiaron a proposta para a gratuidade do transporte público aos xóvenes en Galicia, que fora rexeitada primeiro e agora recollida polo PP.

O responsable socialista valorou positivamente o acordo en materia de Igualdade ou de Igualdade na Xustiza a raíz de propostas do PSdeG que “fan avanzar a sociedade”. Lamentou a falla de apoio do PP ás propostas para actualizar o Plan Move ou pedirlle á Xunta a supresión das peaxes nas autoestradas competencia da Xunta, así como a proposta sobre o Diálogo Social dirixida a paliar os desequilibros sociais provocado pola crise económica.