A Xunta pon a disposición do centro de día de Cogami, en Mos, 25 novas prazas de atención diúrna para persoas con discapacidade

A administración autonómica inviste máis de 182.000 euros na creación destas prazas para poder chegar a máis galegos e galegas.
Por o 17/07/2018 | Sección: Galicia,Mos,Xunta de Galicia
A Xunta pon a disposición do centro de día de Cogami, en Mos, 25 novas prazas de atención diúrna para persoas con discapacidade

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, realizou hoxe unha visita ao centro de día de atención á discapacidade de Cogami en Mos onde anunciou un incremento de prazas para chegar a máis galegos e galegas.

Rey Varela explicou que neste 2018 crearanse 25 prazas neste centro, sendo 15 delas de atención diúrna terapéutica e as outras 10 de atención diúrna terapéutica de media estanza. Este aumento é posible grazas a unha inversión de 182.299,63 euros e a través destas prazas, os usuarios recibirán diferentes servizos de gran importancia para o seu desenvolvemento e benestar, como fisioterapia, rehabilitación, terapia ocupacional, apoio psicolóxico, rehabilitación da lingua e da fala ou de estudo e coñecemento do medio entre outros.

Durante o seu percorrido polas instalacións, o conselleiro enxalzou o labor desta entidade para dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade e destacou que “todas as persoas sumamos, teñamos máis ou menos habilidades ou máis ou menos capacidades, e por elo, traballamos sen descanso para que todas teñamos as mesmas oportunidades”.

Para iso, é fundamental o labor de entidades como Cogami e por elo, a Administración autonómica incrementou nun 5% o convenio de colaboración con esta e outras 12 entidades, o que garante a blindaxe do financiamento ás entidades que actúan na procura da mellora da calidade de vida e plena inclusión das persoas con discapacidade, ao constituíren unha peza fundamental de cara a completar a rede galega de servizos e programas dirixidos á atención e coidado deste sector da poboación. No caso de Cogami, a inversión ascende este ano a 993.312 euros dos que se beneficiarán máis de 32.000 persoas.

Cómpre destacar que no cómputo global a Xunta destina a Cogami máis de 4,2 millóns de euros neste 2018.

Por último, Rey destacou o feito de que os orzamentos autonómicos de 2018 aumentaron en case un 9% os recursos dirixidos ás persoas con discapacidade, ata chegar a preto dos 103 millóns de euros. Esta maior marxe económica está a permitir consolidar a rede de prazas residenciais de atención diúrna, aumentar os convenios coas entidades e federacións, mellorar a liña de axudas para a mellora da accesibilidade nos concellos e reforzar o plan de atención temperá.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.