A nova senda peonil e ciclista que vai dende San Paio de Navia ata A Ramallosa xa está a disposición dos veciños. Así o asegurou hoxe o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen se achegou ata o devandito barrio vigués para comprobar a finalización dos traballos nesta zona.
Neste novo itinerario, que discorre pola PO-325 mellorando a conectividade e os accesos peonís da parroquia de Navia coa Avenida Ricardo Mella, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda investiu preto de 300.000 euros. En canto as características deste tramo, comprendido entre a glorieta de intersección da VG-20 coa circunvalación de Vigo, ata o cruce coa rúa Muíños, López-Chaves detallou que conta cunha lonxitude de case 1,5 quilómetros e un ancho medio de 2 metros e aproveita ademais as beirarrúas preexistentes en pequenos tramos desta zona e na saída do PAU de Navia.
Segundo explicou, esta nova senda de San Paio de Navia únese co carril bici que comeza na zona de Coruxo e chega ata Baiona, enlazando aí coas novas actuacións proxectadas e coas xa executadas nas estradas autonómicas. En conxunto, dixo, habilitarase un completo itinerario peonil e ciclista de case 50 quilómetros de lonxitude, que percorrerá toda a zona costeira dende Vigo, pasando polo Val Miñor e atravesando Oia e O Rosal ata chegar A Guarda.
Esta actuación da Xunta, cofinanciada polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, está incluída no Plan de Sendas de Galicia que, para na comarca de Vigo se traduce na execución de 9 proxectos, 12,5 km de itinerarios e un investimento de 5 millóns de euros. Un plan que no caso concreto desta zona, xa se ten moi avanzado, con 4 sendas completamente rematadas, 2 en execución e as outras 2 en distintas fases de tramitación. O obxectivo sinalou o delegado territorial é avanzar nunhas estradas máis seguras e nas que convivan con garantías vehículos, peóns e ciclistas. En definitiva, “unha aposta real pola mobilidade sostible”.
O representante autonómico, non pasou por alto outras actuacións da Xunta Navia, coas que se pretende mellorar as conexións e as comunicacións do barrio e que se veñen sumar aos traballos de reurbanización e reparación de infraestruturas en catro rúas do polígono, así como ao ambicioso proxecto que ten para a zona, como é ampliación do Plan Parcial de Navia.
Precisamente, respecto ao Plan Parcial de Navia, cun investimento da Xunta superior aos 48 millóns de euros, López-Chaves indicou que se trata dunha actuación estratéxica en Vigo, xa que xerará actividade económica, dinamizará el sector da construción e, sobre todo, permitirá a construción de 1.600 vivendas protexidas nunha cidade con dificultades para crecer por outro lado, dada a carencia de Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Neste senso, recordou que a Xunta mantivo reunións coa plataforma de veciños á que lle trasladou a súa vontade de atender as demandas expostas na medida do posible e no marco do ámbito da actuación, “se ben estamos á espera de que o Concello nos traslade o fin do proceso de participación”. Así, insistiu en que a competencia da tramitación correspóndelle ao Concello, que é o que ten que trasladarlle a Administración autonómica as modificacións que se deben acometer para avanzar. “É o Goberno local o que debería explicar os motivos deste retraso. A Xunta fixo o traballo técnico, dispón dos recursos consignados e ten a vontade de atender ás demandas razoables”, concluíu.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.