A Xunta pon de relevo o incremento das vendas e da superficie inscrita como agricultura ecolóxica en Galicia para apostar por un novo xeito de producir máis saudable e sostible

José González lembrou que o Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural contempla accións para seguir apoiando este tipo de producións
Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Xunta de Galicia

A Xunta pon de relevo o incremento das vendas e da superficie inscrita como agricultura ecolóxica en Galicia para apostar por un novo xeito de producir máis saudable e sostible

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, participou esta mañá na presentación do informe de actividade do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) correspondente a 2019. No acto, que tivo lugar no Pazo de Quián, o conselleiro puxo de relevo o incremento das vendas ou da superficie inscrita para constatar que a agricultura ecolóxica non é “unha moda pasaxeira nin minoritaria, senón unha actividade cun importante nicho de mercado que cada vez cobra máis forza”.

Baseándose nos datos do ano pasado, o titular de Medio Rural destacou especialmente o incremento de case o 18% no volume de vendas certificadas, aproximándose aos 100 millóns de euros. Tamén resaltou o aumento nun 3% da superficie inscrita para a produción en ecolóxico, preto xa das 35.000 hectáreas. Cómpre destacar, segundo o conselleiro, “que a tendencia positiva se mantén e rexistra un incremento de preto do 144% nunha década”. Así mesmo, no último ano tamén subiu un 2,6% o número de operadores certificados, ata acadar os case 1.200 en toda Galicia.

O conselleiro sinalou que “a Xunta quere tamén colaborar nesta liña que vai moi ligada á sustentabilidade medioambiental que propugna a Unión Europea”. Neste sentido, destacou que se vai pechar “un acordo co Craega para que a produción agraria e gandeira de todas as aldeas modelo de Galicia sexa certificada en ecolóxico”, o que demostra o “compromiso firme” do Goberno galego por este eido.

Ademais, a xuízo de José González, os datos demostran que a agricultura ecolóxica non só é unha “actividade que xera riqueza e emprego no noso agro”, senón tamén unha “aposta por unha produción sustentable e respectuosa co medio ambiente, que encaixa perfectamente cos principios reitores da futura PAC”.

Plan de reactivación

Deste xeito, o conselleiro do Medio Rural reafirmou o compromiso da Xunta co ecolóxico, lembrando que o Plan de reactivación e dinamización do seu departamento contempla accións para seguir apoiando este tipo de producións. Así, dentro da iniciativa de mobilización de terras das aldeas modelo, que busca dinamizar pequenos núcleos de poboación en risco de incendios para a súa posta en valor, “damos preferencia ao ecolóxico”, remarcou.

Por último, González concluíu que estamos ante “unha evolución exponencial do ecolóxico en Galicia”, o que mostra, engadiu, que elixir este tipo de agricultura é apostar non só por un tipo de produtos máis sans e sustentables, senón tamén por unha opción de futuro para o noso rural.

Comentar noticia

Your email address will not be published.