A Xunta pon en marcha un Plan de formación para o persoal dos Centros de Información á Muller

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe a primeira xornada formativa, centrada na atención a vítimas de violencia sexual
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de Emprego

A Xunta pon en marcha un Plan de formación para o persoal dos Centros de Información á Muller

A Xunta vén de poñer en marcha un plan de formación dirixido ao persoal dos Centros de Información á Muller (CIM) que abordará asuntos e casos cos que o profesionais teñen que tratar frecuentemente.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe en Santiago de Compostela a primeira destas xornadas formativas, que estivo centrada na violencia sexual e en como abordar estes casos desde o respecto e protección á vítima. Na actividade participaron un cento de profesionais.


A xornada contou coa intervención de distintos profesionais, como o sarxento da Garda Civil e especialista en delito contra as persoas, Pedro Corrales, que tamén participou en grupos de traballo intencionais de Interpol e Europol sobre abusos e agresións sexuais a menores. Tamén participaron a doutora en filosofía e experta en Estudos das mulleres, feministas e de xénero, María Isabel Menéndez; a psicóloga do servizo de atención da Fundación Vicki Bernadet -unha das primeiras organizacións en todo o Estado en abordar a problemática do abuso sexual infantil-, Carla Román; a técnica do programa Vagalume de Cáritas Diocesana que traballa con mulleres en contexto de prostitución ou vítimas de trata, Lourdes Pazo; e a psicóloga da Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia ACADAR, Melisa Silva.

Está prevista a organización doutras tres xornadas máis para formar ao persoal dos CIM. O 20 de xuño levarase a cabo un obradoiro co Centro de atención a vítimas de violencia sexual de Madrid; o 20 de setembro, unha xornada sobra a intervención profesional con persoas do colectivo LGTBI; e o 4 de outubro unha actividade sobre os novos programas e cambios sociais na asistencia a vítimas de violencia de xénero.

Os CIM realizan un importante labor en prol da igualdade e na loita contra a violencia de xénero en todo o territorio. Só o ano pasado atenderon a máis de 15.700 persoas a través dunhas 69.000 consultas. Por áreas, a maioría das consultas centráronse na atención psicolóxica, seguida polo asesoramento xurídico e a atención a vítimas de violencia de xénero.

Comentar noticia

Your email address will not be published.