A Xunta pon en servizo a senda que comunica as praias da Ladeira e Santa Marta, no concello de Baiona

A actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade consistiu no acondicionamento a contorna dun itinerario paralelo á estrada PO-552 e na substitución da deteriorada pasarela que forma parte do paseo marítimo
Publicado por o día 17/04/2019 na sección de Baiona,Galicia

A Xunta pon en servizo a senda que comunica as praias da Ladeira e Santa Marta, no concello de Baiona

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pon hoxe en servizo a senda que comunica o paseo marítimo da praia da Ladeira e a praia de Santa Marta, no Concello de Baiona, cuxas obras foron adxudicadas por 438.000 euros.

O departamento de Infraestruturas da Xunta rematou estes traballos de acondicionamento dun itinerario paralelo á estrada PO-552, onde acometeu a substitución da deteriorada pasarela que forma parte do paseo marítimo de Baiona, que por mor das condicións meteorolóxicas ten sufrido danos en diversas ocasións.

Nesta obra os traballos comezaron nos 60 metros anteriores á pasarela de madeira, co obxectivo de acadar unha lixeira ampliación do ancho do paseo, que agora acada os 4,5 metros ao reducirse en medio metro a zona axardinada. Ampliouse a zona destinada ao tránsito peonil e habilitouse unha banda diferenciada de 2 metros para a circulación de ciclistas, instalando neste tramo novo alumeado.

Destaca tamén nesta intervención do departamento de Infraestruturas da Xunta a reposición e ampliación da sección da vella pasarela de madeira do paseo marítimo. Trátase dunha nova infraestrutura de táboas de madeira de pino tratado, que amplía o seu ancho ata os 4,5 metros, fronte aos 3 metros de ancho que tiña anteriormente.

Xa no último tramo, na transición entre a pasarela e o paseo marítimo actual, a zona destinada á circulación de ciclistas sinalase cun tratamento superficial, co obxectivo de diferenciala da correspondente ao tránsito peonil.

Comentar noticia

Your email address will not be published.