A Xunta pon en valor as oportunidades de negocio que ofrece o programa Primare para a dixitalización de 35 lonxas galegas

Este proxecto piloto implantado en Fisterra estenderase ata acadar o total das lonxas previstas no programa, que contarán cunha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de xestión, poxa e comercialización
Publicado por o día 19/06/2019 na sección de Baiona,Galicia,Mar

A Xunta pon en valor as oportunidades de negocio que ofrece o programa Primare para a dixitalización de 35 lonxas galegas

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou onte en Baiona o proxecto Primare, impulsado pola Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) con financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a aplicación das novas tecnoloxías en máis dunha trintena de lonxas galegas. Este proxecto piloto implantado en Fisterra estenderase ata acadar o total de 35 lonxas previstas no programa, que contarán cunha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de xestión, poxa e comercialización, a través dun perfil propio, segundo sexa comprador, vendedor ou xestor.

Así o destacou a titular de Mar durante a inauguración do 20 Congreso da Asociación de Fabricantes e Distribuidores Aecoc de Produtos do Mar, onde sinalou dúas vantaxes principais desta iniciativa.

A primeira das vantaxes que citou a conselleira é que “a poxa en lonxa poderá deixar de ser presencial”. Nesta liña, Rosa Quintana explicou que o comprador poderá puxar a través do teléfono móbil e poderá abastecerse en distintas lonxas, cando ata agora é necesario ter unha rede de compradores. “Isto permitiralle acceder aos produtos que lle interesa, aforrando desprazamentos. Tamén é un beneficio para a lonxa, xa que lle permitirá “abrir o abano de compradores e distribuidores, así como a competencia polo produto”, engadiu a conselleira.

A segunda vantaxe é que a xestión da actividade da lonxa e da confraría será máis áxil, pois Primare permitiralles dispor dun sistema de xestión e comercialización. Neste sentido, Rosa Quintana explicou que será un sistema único para a tramitación da contabilidade, a facturación, o pago de impostos e a xestión social. Por exemplo, expuxo a conselleira, no momento no que se produzan as operacións de compra-venda, xeraranse automaticamente os albaráns e as facturas, facilitando a súa contabilidade. Tamén será un sistema flexible, que se axusta ás peculiaridades de cada confraría, engadiu.

Ademais a titular de Mar puxo de relevo que esta solución integral “supón un gran avance no tratamento da información e permitirá eliminar o seu traslado físico da lonxa á confraría en dispositivos externos”. Deste xeito, subliñou, “axilizarase a trazabilidade coa que protexemos a calidade e a salubridade do noso produto, garantimos a súa orixe, identificación e marca, coa que o dotamos de máis e mellor información e coa que controlamos a transparencia da súa xestión en todas as transaccións do proceso comercial”.

Por último, Rosa Quintana adradeceu a Aecoc a organización deste congreso en Galicia, que é un referente nacional para a industria de produtos do mar. Tamén recoñeceu a súa contribución ao fortalecemento do mar como un dos motores económicos máis importantes da comunidade autónoma galega.

O Congreso de Aecoc

O 20 Congreso Aecoc é o punto encontro dos responsables da produción, elaboración, comercialización e distribución dos produtos del mar. Celébrase hoxe e mañá en Baiona, onde os participantes compartirán a súa visión do mercado e mostrarán as tendencias máis relevantes e as claves para crear un valor diferencial en cada compañía. Así, durante estes dous días trataranse temas como os novos modelos de venda de peixe, os produtos do mar no mercado de gran consumo e a trazabilidade dos produtos do mar, entre outros aspectos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.