A Xunta pon en valor o papel protagonista dos centros tecnolóxicos como catalizadores da transformación dixital

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago no I Encontro sobre excelencia tecnolóxica internacional organizado por Atiga
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Economía,Xunta de Galicia

A Xunta pon en valor o papel protagonista dos centros tecnolóxicos como catalizadores da transformación dixital

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo en valor hoxe en Santiago no I Encontro sobre excelencia tecnolóxica internacional, organizado por Atiga, o papel protagonista dos centros tecnolóxicos como catalizadores da transformación dixital.

Conde explicou que os centros tecnolóxicos teñen unha función moi importante para converter o coñecemento en valor de mercado para satisfacer esa demanda de tecnoloxía que ten a industria sinalando que son os protagonistas da investigación aplicada ao mercado. Neste senso, referiuse a casos de éxito como o coche autónomo que desenvolve o CTAG, os avances en robótica colaborativa de Aimen, os drons nos que traballa o ITG ou a investigación en biogás de EnergyLab.

O titular de Economía sinalou, así mesmo, que os centros tecnolóxicos son un piar fundamental e un elemento tractor no ecosistema galego de innovación e, por iso, a Administración autonómica apoia o seu traballo con axudas que suman 130 millóns de euros desde 2009 a través de iniciativas como os contrato programas, as 23 Unidades Mixtas de Investigación, Conecta Peme, Innova Peme ou o programa Principia.

Conde, así mesmo, sinalou que a transversalidade neste ámbito é crucial porque “a innovación ten que chegar a todos os sectores e a todas as empresas”. Ao respecto, defendeu un modelo de innovación aberta a todas as necesidades do tecido industrial e das empresas, a todos os axentes do ecosistema de I+D+i e a todos os mercados. Indicou, ademais, que aos centros tecnolóxicos exercen hoxe en día como auténticas unidades de I+D+i para os sectores estratéxicos e para as pequenas e medianas empresas que non poden dispoñer destes medios por si mesmas.

Para o conselleiro, o reto nestes momentos é fortalecer esta conexión que redunda na competitividade da industria apostando pola unidade e a cooperación como se está a facer a través dos Hubs de innovación dixital, o modelo sobre o que a Xunta está a asentar o ecosistema innovador en Galicia para posicionar a excelencia tecnolóxica galega a nivel internacional.