A Xunta pon en valor o traballo dos voluntarios de Protección Civil e reafirma o seu compromiso de apoio ás agrupacións

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, participou hoxe no IV Encontro de agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña
Publicado por o día 10/06/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta pon en valor o traballo dos voluntarios de Protección Civil e reafirma o seu compromiso de apoio ás agrupacións

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, puxo hoxe en valor o traballo que desenvolven os voluntarios das agrupacións de Protección Civil (AVPC) e reafirmou o compromiso da Xunta por seguir apoiando e colaborando con estes colectivos.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación no IV Encontro de agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña, que tivo lugar no concello de Muxía. O obxectivo do encontro foi combinar a convivencia con actividades formativas que incluíron a presentación de produtos de prevención, a visita a unha embarcación de pesca e un simulacro de salvamento marítimo multidisciplinar.

A Xunta vén apoiando de forma decidida o labor dos voluntarios durante os últimos anos, a través de diversas iniciativas, como a formación que se imparte de forma descentralizada por parte da Academia Galega de Seguridade Pública; as axudas económicas destinadas ao seu funcionamento; e a dotación de equipamentos e medios de emerxencias como embarcacións, vehículos ou equipos de excarceración.

Só na provincia da Coruña, desde 2015 a formación ofertada pola Xunta chegou a un total de 811 voluntarios, e investíronse case 3 millóns de euros en equipamentos de emerxencias.

Cómpre destacar, ademais, que en 2015 a Administración autonómica iniciou unha campaña de motivación a nivel autonómico para poñer en valor o labor altruísta que desenvolven estas agrupacións e potenciar a súa presenza na comunidade autónoma.

Actualmente, Galicia conta con 230 agrupacións, das que 74 están na provincia da Coruña; 42 en Lugo; 72 en Ourense, e 42 en Pontevedra. En total, suman preto de 4.500 voluntarios.