A Xunta poñerá en marcha en Vigo un proxecto de barrio creativo e unha sede do CGAC para a exposición e creación artística

Feijóo garante que os investimentos culturais da Xunta en Vigo seguirán e valora o auxe do Camiño Portugués da Costa que, en menos de 4 anos, desde a súa oficialización, converteuse na terceira ruta con maior afluencia
Publicado por o día 14/01/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta poñerá en marcha en Vigo un proxecto de barrio creativo e unha sede do CGAC para a exposición e creación artística

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Goberno galego poñerá en marcha no primeiro semestre de 2020 un proxecto de barrio creativo no ámbito do Casco Vello Alto de Vigo e unha sede do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) para a exposición e a creación artística. Dúas medidas, dixo, que formarán parte dun paquete de iniciativas para impulsar a cultura na cidade.

Durante o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2019, Feijóo precisou que Vigo contará cunha serie de locais, propiedade do Consorcio do Casco Vello e cedidos á Xunta, para poñer en marcha unha proposta de espazos para iniciativas no eido das industrias creativas e o turismo cultural. Ademais dunha sede do CGAC que funcionará como espazo de exposición e creación artística que permitirá a difusión de artistas locais, que contarán cun espazo para a promoción da súa actividade.

Conscientes da importancia desta cidade, o titular do Goberno galego garantiu que os investimentos culturais da Xunta en Vigo continuarán: con varias infraestruturas como a biblioteca pública Juan Compañel; co apoio a programacións culturais como o convenio co Museo Marco ou a tempada sinfónica e o Outono Lírico; ou a través da colaboración con asociacións e entidades culturais, como a asociación Galicia Fiddle, o Sinsalaudio ou os Amigos da Ópera de Vigo, entre outras moitas.

Así mesmo, destacou que grazas á oficialización e auxe do Camiño Portugués da Costa o número de peregrinos incrementouse nesta cidade. Non en van, en menos de 4 anos desde a súa oficialización esta ruta converteuse na terceira con maior afluencia –máis de 22.000 peregrinos-, só por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués.

Homenaxe á Movida viguesa

Ao longo dos Premios, que este ano renden homenaxe á Movida viguesa, un movemento social, artístico e cultural que abriu as fiestras a aires máis renovadores

naquela Galicia dos anos 80, Feijóo quixo trasladar os parabéns a todos os galardoados, dándolles as grazas por seguir enriquecendo e universalizando a nosa cultura. “Unha cultura sen sectarismos nin exclusións que reflicte fielmente a maneira de ser dos galegos: un pobo curioso e aberto que ve na cultura propia unha valiosa ponte para mostrar o noso ao mundo e para, ao mesmo tempo, aprender e inspirarnos do alleo”, dixo.

Deste xeito, o presidente da Xunta referiuse, primeiramente, ao proxecto Galego en Londres, desenvolvido por un grupo de alumnos de lingua e cultura galegas do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e que supón un gran pulo ao coñecemento da lingua e cultura da nosa terra no mundo. Así como a traxectoria de Amancio Prada, “outro exemplo de que a nosa terra carece de fronteiras”; de Alonso Montero, “unha figura esencial das nosas letras e na Galicia contemporánea”; e da escultora Soledad Penalta, avantaxada discípula de Isaac Díaz Pardo.

Feijóo puxo en valor tamén o proxecto 21 días co galego, da profesora de lingua e literatura galega do IES da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, cuxo obxectivo é animar aos mozos do instituto a expresarse en galego durante tres semanas, actuando así a prol do idioma nun tramo de idade vital para o futuro da lingua.

No acto, o responsable do Executivo galego invitou a todos a ver O sabor das margaridas, non só por ser a primeira serie integramente en galego, incluída no catálogo de Netflix, senón tamén pola súa interesante trama, pola súa estética e pola beleza das paraxes naturais onde se ambienta.

Logo de salientar a restauración do Pórtico da Gloria e, con el, a recuperación do sorriso máis fermoso do Románico: o sorriso de Daniel, como un dos fitos máis importantes con respecto á nosa cultura e ao noso patrimonio, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para o traballo de Monicreques de Kukas, a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galicia e cuxas obras presentan un carácter didáctico e social e, ademais, contribúen á normalización do galego coa difusión nesta lingua dun fascinante universo creativo particular.

“Grazas a todos por ser ilustres viaxeiros do extenso e variado camiño que presenta a cultura galega”, concluíu o presidente da Xunta, incidindo en que todos os premiados representan “o mellor espírito de Galicia”.

Fotos dos Premios da Cultura Galega 2019

Comentar noticia

Your email address will not be published.