A Xunta porá en funcionamento na primavera un distintivo obrigatorio para facilitar a identificación dos vehículos VTC

Ignacio Maestro destaca que o Goberno galego vén traballando dende hai anos a prol da regulación deste sector, mediante medidas concretas como a Lei de transporte de vehículos de turismo, do ano 2013 e o seu regulamento, do 2018
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta porá en funcionamento na primavera un distintivo obrigatorio para facilitar a identificación dos vehículos VTC

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia, onde avanzou que a Xunta porá en funcionamento na primavera un distintivo obrigatorio para facilitar a identificación dos vehículos VTC.

Ignacio Maestro reiterou que o Ministerio de Fomento debe establecer un marco regulador claro que garanta a competencia leal entre os sectores do taxi e das VTC e os dereitos dos usuarios.

Non obstante, subliñou que a Xunta segue traballando, no marco das súas competencias, para contribuír a unha convivencia harmónica entre os citados colectivos.

Fixo fincapé en que o Goberno galego vén apostando dende hai anos pola regulación deste sector, mediante medidas como a Lei de transporte de vehículos de turismo, do ano 2013 e o seu regulamento, do 2018.

Explicou que estas normas, celebradas polo sector, concretan a creación dun rexistro informático de títulos habilitantes, xa activo. Precisou que inicialmente recolle aos taxis, por ser moito máis ampla a súa presenza, pero se estenderá ás VTC.

Concretou que esta ferramenta facilitará as tramitacións e xestión do taxi, pero ao ser licenzas municipais precisa da colaboración activa dos concellos, razón pola que se está desenvolver un labor de formación e colaboración cos concellos.

Lembrou que o Goberno galego leva tempo colaborando coa Garda Civil e coa Policía Local para inspeccionar e controlar o cumprimento da lei polos taxis e polas VTC.

Comentar noticia

Your email address will not be published.