A Xunta vai por en marcha o expediente dixital do empregado público, que permitirá a xestión electrónica de todos os procesos vinculados á carreira profesional dos profesionais da Administración autonómica. Con este obxectivo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de licitar a adaptación, evolución, implantación e soporte da plataforma FIDES, o sistema que se está a empregar no SERGAS para xestión dos recursos humanos do ámbito sanitario.
Unha vez en marcha, o sistema permitirá a xestión integramente dixital das listas de contratación, dos procesos selectivos, dos concursos de traslados e de todo o relativo á carreira profesional dos traballadores da Administración autonómica, consolidando un expediente dixital único do empregado público.
Este expediente estará integrado no arquivo electrónico da Xunta, o que garantirá a súa interoperabilidade entre administracións, evitando que os traballadores do sector público autonómico teñan que que achegar documentos ou acreditar méritos que xa obran en poder das administracións.
A implantación do novo sistema contempla, tamén, a reorganización do portal do profesional do sector público autonómico, a canle a través da cal os empregados públicos poderán acceder ao seu expediente profesional sen necesidade de solicitude previa.
A primeira fase de implantación de FIDES abranguerá aos empregados públicos da administración xeral pero irase configurando como a expediente dixital único para todos os empregados do sector público autonómico.
A licitación, cun importe de 735.000 euros, establece un prazo de dous anos desde a formalización do contrato para completar o proceso e activación progresiva das funcionalidades do sistema durante eses 24 meses.
Plan de Goberno Dixital 2020
A implantación do expediente dixital do empregado público é un dos obxectivos recollidos no Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que sinala entre as súas iniciativas a identificación e ordenación dos datos e documentos que compoñen un expediente de empregado publico nun contexto dixital; a dixitalización da documentación dispoñible; a integración como expediente no arquivo electrónico administrativo; facilitar a consulta dende o sistema de autoservizo de información e establecer os procedementos de actualización continuada da información do expediente.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.