A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, indicou hoxe que o Goberno galego seguirá avanzando no fortalecemento da integridade institucional, coa vindeira aprobación do Programa Marco de integración institucional e prevención de riscos. O obxectivo é reforzar, mellorar e fortalecer todos os mecanismos de control interno que levan xa funcionando dende hai anos en Galicia, e impulsar a posta en marcha de novos mecanismos que permitan continuar consolidando a Galicia como unha Administración Pública íntegra e transparente
Natalia Prieto compareceu no Parlamento, a petición propia, para dar conta das medidas de integridade institucional e prevención de riscos de xestión que implantará a Xunta. Deu comezo a a súa intervención lembrando que no ano 2018, Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma en asumir de forma voluntaria mecanismos de autorregulación para incrementar o control e seguimento de plans de prevención de riscos da corrupción da man do Consello de Contas.
Segundo explicou a directora xeral, mantendo esta liña o Goberno galego aprobará proximanente un Programa Marco de integridade e prevención de riscos que contemplará a posta en marcha, de xeito gradual, de distintas medidas orientadas ao fortalecemento dos sistemas de control interno e infraestrutura ética, ao fomento da integridade e á prevención de riscos da xestión naquelas actividades máis vulnerables ou sensibles.
Isto suporá non soamente o reforzo e a consolidación das medidas e actuacións xa en marcha senón que, seguindo o esquema e recomendacións formuladas polo Consello de Contas, incorporará todos os elementos que como mínimo, permitan consolidar no sector público autonómico un sistema sólido e avanzado de integridade, obxectividade, eficiencia e transparencia no funcionamento da administración pública galega e no desempeño da función pública.
Dous eixos fundamentais
Este programa incluirá medidas en dous eixos fundamentais, por unha banda, medidas de reforzo da integridade institucional e por outra banda, medidas de prevención e xestión de riscos.
No marco das medidas de reforzo do marco de integridade institucional, avanzarase na implantación dunha canle formal específica para comunicar a comisión de calquera irregularidade, canle de denuncia como medio para comunicar situacións relacionadas coa integridade, configurando as medidas necesarias para garantir a confidencialidade da información e a protección da persoa denunciante.
Actualizarase o Código ético institucional co reforzamento dos principio de integridade institucional e prevención de riscos, establecendo parámetros para avaliar o seu cumprimento. Crearase tamén un Comité de Ética, como órgano de garantía con capacidade para coñecer e dar resposta aos posibles dilemas éticos e de comportamento que poidan presentar os empregados públicos e altos cargos.
Entre as medidas de prevención e xestión de riscos, destaca a elaboración, en colaboración co Consello de Contas, de plans de prevención e control dos riscos que afectan á integridade institucional en cada consellería e entidade pública instrumental, a través dos cales, se elaborará o mapa de riscos respectivo mediante a identificación de tales riscos, a valoración do seu nivel de gravidade, as medidas preventivas a adoptar, a definición de responsabilidades e a conveniencia de engadir novas medidas ás xa adoptadas na Xunta de Galicia ou procedendo, noutro caso, á sistematización das existentes.
Estableceranse mecanismos de supervisión e avaliación do cumprimento das medidas do sistema de integridade e prevención de riscos, a través dunha comisión interdepartamental e reforzaranse as actividades formativas e de concienciación que permitan aos empregados públicos en xeral, e aos directivos en particular, a mellora dos coñecementos nos ámbitos da ética e integridade e na administración e prevención de riscos de xestión.
Cómpre destacar que o actual Goberno galego ten executado un ambicioso programa de medidas pioneiras en materia de transparencia, bo goberno e exemplaridade dende que iniciou o seu mandato, coa posta en marcha de medidas de carácter esencialmente preventivo co obxecto de impulsar unha actuación pública e responsable tanto, por parte de todos os cargos públicos e directivos como do conxunto de empregados públicos do sector público autonómico de Galicia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.